Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Proxección na Casa, "en primicia" do documental "Metílico, a bebida da morte" dirixido por Emilio Barrachina sobre o envelenamento masivo de 1963

O audiovisual, baseado na investigación do xornalista Fernando Méndez, quere servir de homenaxe social ás vítimas da traxedia silenciada por motivos políticos e económicos e que nunca foron compensadas
Madrid, 28 xaneiro de 2014.-

A Casa de Galicia, delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a proxección do documental "Metílico, a bebida da morte" dirixido polo escritor, xornalista e cineasta Emilio Ruiz Barrachina coincidindo co cincuenta aniversario do envelenamento masivo deste alcohol nos anos sesenta e baseado na investigación do xornalista ourensano, Fernando Méndez. Tal e como manifestaron os seus creadores, "o audiovisual quere servir de homenaxe social ás vítimas da traxedia de 1963 que se ocultou por intereses económicos e políticos e que nunca recibiron compensación ningunha".

No acto, que se realizou en colaboración coa Asociación de Empresarios Galegos en Madrid, AEGAMA, estivo presidido pola Coordinadora de Actividades da Casa, Ana Rodríguez Barrena e contou coas intervencións do presidente de AEGAMA, Julio Lage e o director do documental, Emilio Ruiz Barrachina.

Nas súas palabras, Rodríguez Barrena definiu a presentación como de "case primicia", xa que "ata agora, só puido verse no Festival de Cine Internacional de Ourense- aínda que proximamente se exhibirá en Televisión Española e na de Galicia- ". Tamén recordou que o documental está baseado no libro "Metílico: 50 anos envelenados" escrito polo xornalista Fernando Méndez, e que "foi presentado, con enorme éxito, na última feira do libro de Madrid".

Pola súa banda, Julio Lage expuxo algúns dos datos biográficos máis relevantes de Barrachina, "poeta, escritor e director de cine, que viviu durante dez anos en Latinoamérica onde foi correspondente da BBC". Tamén é autor de varias novelas, ensaios e documentais como os dedicados a Orson Welles y Goya; La España de la copla; El Discípulo; e a película musical Morente. Tamén dirixiu documentais para cine e televisión como Luz, espacio y creación, Tinta y Piedra, Niñas Soldado, Desminadoras en Sudán, Emigrantes ou Lorca. El mar deja de moverse.

Para Barrachina, encontrámonos ante un caso claro de “avaricia económica", que ademais afectou a un sector popular da poboación xa que se distribuíu en garrafas, e non era precisamente wisqui de malte nin coñac francés. Descoñécese o número de vítimas pero calcúlase que foron sobre 5000 persoas, entre falecidas e cegas. Unha pequena cantidade de licor afectaba ao nervio óptico e un pouco máis causaba a morte. "O principal responsable do fraude foi o empresario ourensano Rogelio Aguiar, propietario de Adegas Aragón, que comprou alcohol metílico, -máis barato que o alcohol etílico e, polo tanto, con maior beneficio- para producir a baixo custo, e usalo como materia prima para a elaboración de diferentes bebidas alcohólicas. Estímase que se distribuíron 125 mil litros en toda España, especialmente Galicia, Canarias, e en barco ata América, Filipinas, Sahara... Resaltou a curiosidade de que ningún achegado á familia dos produtores fose afectado, tan só morreron dous cans que lamberon a bebida na adega.

Foi unha causa da que case non se falou, porque había moitos intereses políticos e económicos. España estaba a empezar a ser destino turístico no estranxeiro e a censura impúxose. Nin as vítimas nin os seus descendentes recibiron ningunha compensación, desculpa, nin resarcimento polo masivo envelenamento. O documental pretende ser unha "homenaxe social ás vítimas da traxedia silenciada".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes