Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación do libro "O Moreno do Lérez. Perdices, troitas e un trago de Ribeiro" do escritor, biólogo e enxeñeiro agrícola, José Curt

A obra é unha biografía novelada de Manuel Sánchez, o Moreno, trampeiro e cazador furtivo
Madrid, 10 de xuño de 2013

A Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid, acolleu esta tarde a presentación do libro "O Moreno do Lérez. Perdices, troitas e un trago de Ribeiro" de José Curt, editado por Clan Editorial. Curt, que se define como "namorado de Galicia dende Madrid" é escritor, licenciado en Ciencias Biolóxicas, Enxeñeiro Técnico Agrícola, Técnico Bromatólogo e Coronel de Intendencia da Armada retirado.

No acto, que estivo presidido pola Coordinadora de Actividades da Casa, Ana Rodríguez Barrena, interviñeron, ademais do autor, o xestor cultural e educativo, docente e escritor, licenciado en Literatura Inglesa e Norteamericana por St. Louis University e profesor de Literatura nos Programas Internacionais do Instituto Universitario Ortega e Gasset, Ignacio Fernández Rocafort, e o doutor en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid, profesor na Facultade de Belas Artes e crítico de arte, ademais de director das coleccións Ultramar e a Biblioteca de Libros Esquecidos da editorial Clan, José María Parreño Velasco.

Ana Barrena explicou nas súas palabras de presentación que "o autor, José Curt, sitúa o escenario do libro no río Lérez, e interpreta o papel de interlocutor co personaxe principal, o Moreno, a quen define como un vello e querido amigo, ademais dunha gran persoa. É o diálogo entre o autor e o protagonista, o que nos van desvelando a peculiar filosofía de vida ligada, en ambos os dous casos, ao amor pola natureza".

Para José María Parreño, "a editorial tivo a inmensa sorte de encontrar a Curt  co seu manuscrito" xa que Clan, que cumprirá en 2014, 75 anos, e "empezou editando libros de caza, campo e de literatura". No caso da obra de Curt, que Parreño definiu como "marabillosa peza literaria", conflúen todos os elementos. Xunto co mundo do campo, está tamén un moi español, "o da novela picaresca, porque o Moreno, é un pícaro no mellor dos sentidos", pois dedicase "á arte de sobrevivir". Parreño reparou nun detalle especial, cando o Moreno explica que vivía nunha humilde casa cos seus pais, os seus irmáns e "unha señora, que non sabía moi ben, de onde saíra", e contaba logo que era unha anciá, que non tiña onde ir e a súa familia non a ía botar de casa. Malia a súa pobreza, non por ela deixaron de acoller unha persoa que era máis pobre ca eles e nese ambiente medrou.

Para Ignacio Fernández Rocafort, que coñeceu a Curt en Vigo sendo un adolescente ecoloxista, era "xa un personaxe de referencia", por varios motivos entre eles o que "escribía libros sobre o coñecemento", era un "defensor da natureza, aínda que era cazador", aspectos que naquela época non parecían compatibles, pero ademais era capaz de captar cuestións propias e íntimas da terra e das súas xentes. A proba está tamén neste libro. "Que era un escritor de fuste sabiámolo todos dende hai moito tempo, dende aquel fenomenal libro de ensaios enxebres que era Máis alá da corredoira", dixo Nacho Fernández R. "Pero creo que agora, e o digo con toda sinceridade, neste libro o seu saber vai da man da súa humanidade para escoitar e comprender, sen xulgar, unha vida tan rica como a do Moreno do Lérez". E rematou dicindo: "Escribiu vostede un libro, Don José Curt, que ningún galego nacido en Galicia tería feito mellor, e polo que lle estamos sinceramente agradecidos".

José Curt, que fóra profesor da Escola Naval Militar pontevedresa de Marín, durante varios anos, é ademais autor doutros libros, de temática galega, como: "A fauna Galega e algo máis" (1.978), con prólogo do profesor Filgueira Valverde. "Máis alá da Corredoira" (1.979), con prólogo do profesor Alfredo García Alén. "Esos anfibios e réptiles galegos" (1.981), en coautoría con Pedro Galán. "Técnica e Teoría de Subsistencias" (1.982), no seu momento libro de texto na Escola Naval Militar. "31 Galegos e pico" (1982) "A Voar Rapaces" (1,985), con prólogo de García Bayón. "A Chamada da Natureza" (1.989). "As miñas Cíes, as tuas Cíes, as nosas Cíes" (1.990), con prólogo de Amancio Landín Carrasco. "31 Galegos e pico" (2.007) con prólogo de Amancio Landín. É unha segunda edición do libro homónimo, de 1981, traducida ao galego pola Deputación Provincial de Pontevedra. "Quique, un Garda Civil en Mozambique"(2.008). Editorial Sekotia. "O Parque Nacional das Illas do Atlántico" (2008) en espera publicación Editorial Edilesa (León). Fotos de José Luis Rodríguez. "Aves mariñas. Historia dun voo prodixioso" (2012), Inédito.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes