Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A Casa acolleu a presentación en Madrid do libro "Pazos galegos. Materiais para seu estudio" de Miguel Durán-Loriga y Salgado

A obra, editada pola Deputación de Pontevedra, ve a luz máis de sesenta anos despois de falecido o autor e o acto contou coa asistencia de preto dun centenar de persoas
Madrid, martes 29 de abril de 2014

A delegación da Xunta en Madrid acolleu hoxe a presentación do libro "PAZOS GALEGOS. Materiais para o seu estudo", de Miguel Durán-Loriga y Salgado, editado pola Deputación de Pontevedra. A presentación do acto correu a cargo, da coordinadora de actos da Casa, Ana Rodríguez Barrena, ante a ausencia do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega por encontrarse de viaxe oficial fóra de España; e no acto interviñeron: Juan Durán-Loriga y Rodrigáñez, fillo do autor, diplomático e embaixador de España en distintos países; o presidente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, Antonio Bonet Correa e o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle.

Nas súas palabras, Rodríguez Barrena recordou que o libro "é o resultado dun empeño colectivo, que tivo a súa orixe nos anos 40 do século pasado, cando o doutor Juan López Suárez, home entregado aos intereses de Galicia, tivo a iniciativa de realizar un estudo e catalogación dos pazos galegos, encontrando para iso a personalidade axeitada no seu amigo, o arquitecto Miguel Durán-Loriga y Salgado, e a colaboración do mellor coñecedor das liñaxes galegas, no farmacéutico Antonio Taboada Roca".

Pola súa banda, Carlos Valle, que acudiu a Madrid tamén en nome da Deputación de Pontevedra, incluíu nos agradecementos ás preto de cen persoas que acudiron á Casa, que "optaron por esta presentación fronte ao partido de fútbol, algo que sen dúbida é todo un mérito para o libro". Valle explicou as diferentes etapas que sucederon ata culminar a edición da obra.

Mentres, Juan Durán-Loriga y Rodrigáñez, fillo do autor, sinalou que "foi o amor a Galicia o que levou ao doutor López Suárez, Xan de Forcados a patrocinar esta obra" e relatou como se xerou cun enorme esforzo "o libro que entón non puido ser". Tivo palabras de agradecemento para a Deputación e os editores que materializaron agora o proxecto. Durán-Loriga explicou as características dos pazos, as casas señoriais, os mosteiros e outras construcións fidalgas, cos diversos elementos, que se foron engadindo como hórreos, xardíns, chemineas barrocas, escudos...

A obra foi realizada durante cinco veráns, entre 1945 e 1949, por Miguel Durán-Loriga xunto con Antonio Taboada Roca, -que colaborou estreitamente na vertente histórica e xenealóxica-. Ambos os dous percorreron gran parte de Galicia para estudar directamente os pazos. Froito deste traballo reuniron multitude de notas e realizaron fotografías, debuxos e planos. A morte de Durán-Loriga na primavera de 1950 deixou inconcluso o traballo, pero o material recompilado foi entregado polos seus fillos, Juan e Miguel, ao Museo de Pontevedra en agosto de 1981, pasando a formar parte dos seus fondos. A Deputación decidiu realizar agora esta publicación polo seu interese para o estudo da arquitectura e a cultura dos pazos.

O obxectivo de Durán-Loriga, animado polo seu amigo o doutor López Suárez "Xan de Forcados", era a edición dunha publicación sobre os pazos e casas señoriais de Galicia. O proxecto consistía en publicar unha primeira parte con estudos monográficos duns 300 pazos galegos e, de cada un deles, habería unha descrición arquitectónica da casa e o seu contorno, completada con planos, debuxos e fotografías realizados todos por Durán-Loriga. Taboada Roca engadiría o referente á historia do pazo e dos seus señores. Completaríase a obra con documentos históricos, árbores xenealóxicas e outra documentación que existise e que figuraría nos apéndices. Pero a morte de Durán-Loriga en 1950 deixou inconcluso o traballo. Malia todo, os cinco veráns (de 1945 a 1949), que Miguel Durán-Loriga e Antonio Taboada Roca percorreron gran parte de Galicia para estudar directamente os pazos deu lugar a centos de notas, debuxos, planos e fotografías realizados todos por Durán-Loriga e que hoxe en día forman parte dos fondos do Museo de Pontevedra.

A Deputación quixo contribuír a que o traballo non quedase no esquecemento e por iso editouno, pola súa utilidade incuestionable para o estudo da arquitectura e a cultura dos pazos galegos.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes