Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación en Madrid de "Cantares Gallegos Hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro" de María Pilar García Negro

A obra, editada no 150 aniversario de Cantares Galegos, é unha posta ao día, orixinal e realista do considerado primeiro monumento da literatura galega contemporánea
Madrid, 18 de novembro de 2013

Esta tarde, a delegación da Xunta en Madrid acolleu a presentación do libro "Cantares Galegos Hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro" por María Pilar García Negro, ao cumprirse o 150 aniversario da publicación. No acto, presidido polo delegado da Xunta en Madrid, e director da Casa, José Ramón Ónega López, interviñeron ademais da autora e profesora María Pilar García Negro; o coordinador de actividades da Casa, Ramón Jiménez; a catedrática e investigadora e presidenta da Asociación de Mulleres Galegas Rosalía de Castro, Helena Veiguela; e o editor, Henrique Alvarellos.

"O libro da profesora María del Pilar García Negro é un estudo profundo, unha lectura actualizada de Rosalía de Castro", dixo Ónega nas súas palabras, destacando tamén da célebre autora que nos seus "Cantares, que son vida, que son Galicia, que se presentan o que somos e sentimos os galegos, especialmente cando saímos da nosa terra". Noutro momento recordou que Ella, referíndose a Rosalía, "era unha muller filla do século XIX e soubo legarnos o que somos, como somos e por que". En relación ao libro da profesora García Negro sinala que con esta obra, devolvenos a unha Rosalía inmortal, próxima, con reberetes de nai, con trazos de muller que converteu a inspiración poética nunha fonte de augas cristalinas".

Para o editor Henrique Alvarellos, a obra é "potente e sintética, e intenta fuxir dos tópicos que caeron sobre Rosalía como lousas". Nun símil coa nova fotografía que se encontrou recentemente, "é Rosalía dende outro perfil", asegurou.

Helena Veiguela, que coñece a María Pilar dende que empezou na docencia hai máis de 36 anos, sinalou que ademais de profesora, parlamentaria, autora de 13 libros, e centos de artigos, García Negro é ante todo e sobre todo "unha loitadora", unha persoa defensora das mulleres e os seus dereitos, da súa terra, e da lingua galega, -que utilizou como lingua vehicular nas súas clases dende o primeiro día en 1976, "cando eu a coñecín". En relación ao libro, coincidiu tamén en sinalar que se trata dun estudo para "desmitificar moitos tópicos".

Pola súa banda, a autora, expuxo algunhas das conclusións ás que chegou cando analizou a vida de Rosalía intentando documentarse nas orixes. "O obxectivo era coñecer, malia as toneladas de bibliografía que existen, quen era en realidade Rosalía". E así observou, por exemplo, que cando viviu en Santiago coa súa nai, sempre se aloxaban preto de importantes puntos culturais, porque frecuentalos era unha prioridade para elas. Tamén está probado que, aínda que de familia de liñaxe, non contaban con abundancia de recursos, pois o patrimonio fora desaparecendo, pero non así a educación, algo que non era tan común en 1850, cando a preparación das mulleres ía exclusivamente encamiñada a que fosen boas esposas e nais. Resaltou tamén "a musicalidade" da obra de Rosalía, algo "lóxico se temos en conta que tocaba varios instrumentos e en ocasións visualizaba partituras a hora de escribir". E tamén é patente o seu feminismo ilustrado e sempre socializado; o amor e a defensa fervorosa da terra e o compromiso radical coas clases populares
A autora fixo un repaso polos feitos máis relevantes da vida de Rosalía explicándoos e fuxindo de adxectivos tan consabidos como "costumista, folclórica, ou romántica", que ao seu xuízo "son corpiños que non son certos", como tampouco é certo que o feito de ser filla dun sacerdote a marcase especialmente e a deixase "traumatizada", e menos se temos en conta a súa boa relación coa familia paterna e que en entón, "un terzo da poboación eran fillos naturais".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes