Medios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Conferencia "A Catedral de Santiago. Unha obra maestra do patrimonio universal" polo profesor Francisco Prado-Vilar

O acto na delegación da Xunta en Madrid enmárcase dentro da presentación do Plan Mecenado para dar a coñecer as obras de restauración e conservación da emblemática obra
Madrid, 22 de outubro de 2013

Esta tarde, a delegación da Xunta en Madrid acolleu a conferencia "A Catedral de Santiago. Unha obra mestra do patrimonio universal", a cargo do profesor de Historia da Arte da Universidade Complutense de Madrid, Francisco Prado-Vilar. O acto enmarcouse dentro da presentación ao público en xeral do Plan Mecenado para dar a coñecer as obras necesarias para a restauración e conservación do emblemático templo de Compostela.

 

No acto, presidido polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, interviñeron, ademais do profesor Prado-Vilar, o Cóengo da SAMI Catedral de Santiago e Director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo Santos e o Administrador Xeral da Catedral de Santiago, Francisco Domínguez.

"A catedral de Santiago é a presenza de Galicia no mundo, a voz dos galegos no universo, a luz da galaxia aliada coa pedra e a arte", dixo Ónega, tras as súas palabras de benvida e engadiu que, "A catedral de Santiago é Arte en si mesmo". Citando a Paul Bourget recordou que "a arte é a perfección da natureza. A natureza fixo un mundo e a arte outro, aínda que a natureza é a arte de Deus".

Ónega cedeu a palabra a Daniel Lorenzo Santos que expuxo os diferentes aspectos do Plan de Mecenado, orientado a cubrir o financiamento das obras de restauración e conservación necesarios para preservar o conxunto monumental, previstas no Plan Director da Catedral de Santiago. "A catedral é unha casa aberta e necesita da colaboración e o apoio da sociedade civil", dixo.

Para Francisco Domínguez, os dous eixes principais nos que se basea o Plan son: "Por unha parte o Plan de Amigos, dirixido ao público en xeral, ás persoas individuais que desexen implicarse no proxecto da Catedral, cunha pequena achega anual, e gozar así de vantaxes no Museo e nas actividades que se organizan. Por outra parte está o Plan de Colaboradores e Protectores, dirixido ao mundo empresarial e que é o soporte económico no que se basea a cobertura das necesidades financeiras". Domínguez explicou tamén que a Fundación Catedral de Santiago vai recorrer á modalidade do crowdfunding, ou financiamento colectivo, para proxectos de rehabilitación concretos, de forma que a persoa que o desexe pode participar neles e converterse en mecenas. O primeiro destes proxectos será o da fachada do Obradoiro, que só ten asegurado unha parte do seu financiamento. O proxecto integral de restauración, que ten un custo estimado de 3,7 millóns de euros, xa conta co compromiso de financiamento de 2 millóns de euros, procedentes do Consorcio de Santiago, e mediante a modalidade de mecenado preténdense recadar os 1,7 millóns de euros restantes. Trátase dunha intervención prioritaria e necesaria para poder acometer a restauración do Pórtico da Gloria, afectado por humidade. Todas as modalidades de mecenado poden acollerse aos diferentes tipos de desgravación fiscal consideradas pola lei.

Pola súa banda, o profesor Prado-Vilar, que utilizou preto de medio centenar de magníficas imaxes para ilustrar o seu relatorio, destacou "a importancia da Catedral de Santiago como obra mestra do patrimonio universal nas súas dimensións de templo do espírito, a cultura e a arte". E para iso fixo un percorrido histórico polas fases construtivas do templo románico e a súa estrutura arquitectónica, con especial énfase na análise iconográfica e estética das súas tres grandes portadas esculpidas: as dúas portadas do transepto, Francígena e Pratarías datadas en 1110, e o Pórtico da Gloria de 1188. Á súa vez tamén analizou os aspectos do seu estado de conservación e da necesidade de actuar para preservala para xeracións futuras.

Neste sentido, o Plan de Mecenado vai máis alá da simple recadación de diñeiro, de maneira que trata tamén de concienciar á sociedade sobre a necesidade de conservar un monumento desta magnitude, facéndoa partícipe dun proxecto que, dende Galicia, traspasa fronteiras e se converte en patrimonio mundial.

Máis información nas web: www.catedraldesantiago.ese www.ayudaalacatedral.es

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes