Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Pazo de Vilane presentou na Casa o seu proxecto empresarial de futuro

A produción familiar lucense, ademais de ovos, incorpora a súa oferta marmeladas caseiras
Madrid, 30 de xaneiro de 2014.

A delegación da Xunta en Madrid, Casa de Galicia, acolleu esta mañá un acto informativo-presentación dos novos produtos de "Pazo de Vilane”, empresa familiar galega que desenvolve a súa actividade no medio rural. Pazo de Vilane, que se especializou en comercializar ovos de alta calidade, como novidade deu a coñecer as súas novas marmeladas, especialmente a de tomate agridoce, con certificado ecolóxico, e que se encontrará no mercado proximamente.

No acto, o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, presentou ás irmás Nuria e Piedad Varela-Portas. "que como boas emprendedoras, apostaron por crear unha próspera empresa que reverteu o seu éxito no seu propio ámbito, no municipio lucense de Antas de Ulla, ao lado do precioso río do que toma o nome a localidade".

“Non fabricamos ovos, coidamos galiñas", é o lema da empresa e co que levan comercializando ovos de calidade dende hai máis de vinte anos. Durante a presentación Nuria Varela-Portas de Orduña, xerente de Pazo de Vilane, explicou cunha gran sinxeleza como xurdiu o proxecto. Aínda que toda a vida viviu en Madrid onde cursou Económicas, chegado un punto, apostou por recuperar o pazo familiar e os seus terreos. Empezaron con 50 galiñas e agora teñen 70.000. Fomos a primeira empresa que apostou polos ovos de calidade" e aínda recordou as palabras que lle dixeron no banco cando foi a pedir un crédito, "vas vender ovos a prezo de diamantes". Déronlle o préstamo e está a saír ben porque "era un sono no que houbo moito empeño, ilusión e moito traballo".

"A caixa, deseñada por Pepe Barro, é un selo de identidade, que transmite parte dos valores que nós queremos. É un produto coidado, cun deseño bonito,que protexe os ovos e fala dun montón de cousas". "Cando empezamos, gastamos nela 250.000 pesetas, que era unha fortuna, pero foron os cartos mellor investidos", asegurou Nuria, "xa que pode verse e identificarse rapidamente porque se comercializan nas principais cadeas de distribución na categoría de ovo campeiro". A súa calidade radica "na atención e coidado que en Pazo de Vilane lle damos ás nosas pitas e o ámbito onde pastan en liberdade, así como a súa alimentación controlada e de calidade. Este método de traballo permítenos ofrecer un ovo de alta calidade, diferente ao resto do mercado, máis consistentes e cun aroma máis intenso".

Tamén explicou que "en Vilane conviven diversas actividades agrarias que se complementan e apoian, como é a produción dos ovos de galiñas en liberdade e a plantación nos nosos terreos de froitos do bosque, cos que producimos as nosas exquisitas marmeladas e o xugo de framboesa".
O eixe da actividade de Pazo de Vilane é a sostibilidade. Está situado na bisbarra da Ulloa, nunha Galicia fértil e ben conservada, en cuxo terreo se traballa cun enfoque sostible, aplicando medios de produción onde se aproveitan os recursos endóxenos. As terras rodeadas de bosques autóctonos axudan a manter a diversidade ambiental. Para Nuria Varela-Portas é "fundamental manter este equilibro, polo que apostamos polo cultivo sen produtos químicos ou de síntese nas nosas plantacións de froitos do bosque".

A outra liña de produto son as marmeladas, de framboesa e arandos, e o xugo de framboesa, todos eles elaborados coa mellor froita recollida no xusto punto de maduración natural. "Deste xeito", explicou Nuria Varela-Portas, "aproveitamos todos os seus azucres naturais, o que nos permite elaborar as marmeladas con máis froita do mercado; dende o 75% da marmelada de arandos ao 80% da de framboesa". A novidade de produto é a nova marmelada de tomate agridoce de Pazo de Vilane que se lanza xa ao mercado con certificado de produción ecolóxica.

Durante o evento Piedad Varela-Portas Orduña, Directora de Comunicación de Pazo de Vilane informou do lanzamento da nova web da compañía www.pazodevilane.com, que incorpora ademais o blog do proxecto, onde Pazo de Vilane seguirá contando historias. Un espazo na rede, que se une á súa páxina en Facebook, Twitter e Linkedin. Para Piedad  "trátase dun web moi visual que achega con imaxes o día a día do noso traballo. Está viva e intentamos que fose un pouco máxica, para que puidese transmitir todos os nosos valores e filosofía".

Máis información: www.pazodevilane.com

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes