Medios

  • (3000x4000px., 4722 Kb.)
  • (3456x5184px., 1332 Kb.)
  • (3456x5184px., 1557 Kb.)

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A delegación da Xunta en Madrid colabora coa universidade de Santiago no proxecto Galicia Mundi

Os profesores Vicente Peña e Antonio Rodríguez analizan en numerosos países o asociacionismo galego no exterior
Madrid, 1 de juño de 2012.

A delegación da Xunta en Madrid colaborou activamente esta semana no traballo de campo que os profesores da Universidade de Santiago, Vicente Peña Saavedra e Antonio Rodríguez Martínez están a realizar dende fai dous cursos para analizar o asociacionismo dos galegos no exterior. O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López, xunto cos coordinadores de Actividades da Casa, Ana Rodríguez Barrena e Ramón Jiménez Pérez mantiveron unha densa reunión cos investigadores para informar e achegar datos das diferentes asociacións profesionais, culturais e centros galegos da Comunidade de Madrid coas que a Casa mantén estreitas relacións. Ónega, tras facer unha breve exposición sobre as funcións da Casa, entre as que están, ademais da institucional, "a de servir de altofalante en Madrid, de todo o galego, tanto cultural e económico empresarial, así como elemento aglutinador dos diferentes colectivos". Para Peña, director do proxecto, "é unha axuda inestimable, a que encontramos aquí, que nos facilitou enormemente a recollida de datos para o estudo que estamos a levar a cabo. Grazas a iso, puidemos concentrar o traballo que desenvolvemos en dúas xornadas, moi intensas pero enormemente frutíferas, algo para o que que noutras circunstancias tivésemos necesitado máis do dobre".

Os profesores mantiveron encontros coas asociacións profesionais AEGAMA (Asociación de Empresarios Galegos en Madrid; IURISGAMA (de xuristas); ASOMEGA (de médicos); Club de Xornalistas; ATAGAMA (taxistas) e FAGAMA (Federación de Asociacións Galegas en Madrid); ademais de Centros Galegos e diferentes persoas especialistas en temas de emigración.
En función dos encontros, os profesores comentaron a especial idiosincrasia dos colectivos galegos en Madrid: "Para empezar, é onde mellor están organizados. Observamos que en ningunha outra cidade hai tantos colectivos profesionais como aquí. É frecuente o de empresarios pero non todos os demais" Outra peculiaridade que destacou Peña é a existencia da Casa como punto común, como elemento de unión".

 

Os autores do proxecto "Galicia Mundi: actualidade e prospectiva do asociacionismo galego no exterior. Os retos en materia educativa, social e cultural", chegaran de Bruxelas e Zürich onde tiñan aplicando os cuestionarios elaborados para a investigación a "mozos galegos ou descendentes, ás persoas adultas de primeira ou segunda xeración e a directivos das propias asociacións galegas radicadas en cada unha delas para obter datos novos e inéditos das formacións das que fan parte". Tamén entrevistas a dirixentes societarios e membros relevantes da comunidade, orixinarios de Galicia, así como promovendo foros coa xuventude e sondaxes integrais co propósito de "coñecer coa maior exhaustividade posible a situación na que se encontran nos momentos presentes as agrupacións galegas en cada unha das localidades e dos países de referencia, e cales son as expectativas que se formulan para afrontar o porvir".

Ata agora, os investigadores que veñen elaborando o proxecto -case todos eles pertencentes ao grupo Terceira Xeración, adscrito dende 2011 á REDICIS unidade de investigación competitiva en fase de consolidación e estruturación, do Sistema Universitario de Galicia, conforme foi recoñecido oficialmente-, desenvolveron o seu labor de recollida de información en varios países de América (Arxentina, Uruguai e Cuba) de Europa (Portugal) e comunidade autónomas do sur de España (Andalucía). E seguirán o estudo en Brasil, Venezuela, Reino Unido, Alemaña e outras áreas de significada presenza galega, en simultaneidade con varias localizacións onde reside a emigración intrahispánica.

GALICIA MUNDI é o nome abreviado do proxecto e a filosofía de traballo do grupo, en sintonía con experiencias anteriores, é "chegar directamente aos principais protagonistas directos dos procesos analizados para obter deles unha información de primeira man, non mediatizada, que permita esbozar un panorama realista e posto ao día do asociacionismo galego no exterior, co propósito de deseñar programas de actuación orientados a optimizar as enormes potencialidades que ofrece a rede societaria galega estendida por todo o mundo para calquera tipo de emprendemento, en beneficio dos seus compoñentes e da imaxe e proxección da propia Galicia máis alá do seu territorio. Partir do acervo histórico acumulado secularmente, valorizalo e facelo visible como lle fai falta, coa debida actualización en perspectiva, constitúe un reto que ou se afronta xa sen adiamento ou estará a perderse unha oportunidade inmellorable e irrepetible para darlle un lugar seu a Galicia no mundo. Nese labor, como case sempre acontece coas iniciativas emerxentes, dende as parcelas educativa e cultural hai un caudal de valiosas achegas que hai que dinamizar e implementar como tarefa crucial. As mesmas asociacións galegas así o demandáron en reiteradas ocasións. E todo parece indicar que esa proposta mantense na segunda década do século XXI".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes