Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O "Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España" reúnese na Casa de Galicia

Madrid, 18 de xuño de 2014

A sede da Xunta de Galicia en Madrid, Casa de Galicia (C/ Casado do Alisal, 8) acolleu esta mañá a reunión do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España, formado por representantes das cidades que recibiron este nomeamento por parte da UNESCO, que son Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de La Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo, que contan co recoñecemento internacional "aínda que tamén supón unha grande responsabilidade que debemos asumir de cara a garantir a protección e conservación de todos eses valores para as xeracións futuras", tal e como sinalan.

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, deulles a benvida e manifestou "a nosa satisfacción por acoller este importante encontro". Engadiu ademais, citando a Helmut Kohl, que "un pobo que non coñece a súa historia, non pode comprender o presente nin construír o porvir". Pola súa parte, o presidente do Grupo e alcalde de Ávila, Miguel Ángel García Nieto tivo palabras de eloxio cara á Casa, "non só polo apoio técnico, que é moi importante, pero especialmente pola calor humana coa que sempre nos tratades. Sentímonos moi ben acollidos, en todos os sentidos," comentou.

Entre os obxectivos da reunión estaban o facer un balance das diferentes actividades que se levaron a cabo de forma conxunta, así como establecer un calendario e as liñas de actuación para as novas, tendo en conta o apoio da Secretaría de Estado do Ministerio de Cultura, da que tamén se incorporaron ao encontro varios representantes.

Turismo, accesibilidade e atención a persoas con minusvalidez; Xestión de emerxencias no Patrimonio Histórico e o Libro Branco do Patrimonio Arqueolóxico e Histórico das cidades do Grupo, foron algúns dos programas tratados. Os proxectos desenvolvidos pola Comisión de Patrimonio do Grupo contan co apoio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través da Secretaría de Estado de Cultura e a súa Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico que para 2014 dotou unha subvención de 240.000 euros para os novos programas.

O "Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España" foi creado no ano 1993, coa finalidade de "actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio histórico e cultural destas cidades e no mantemento e potenciación de determinadas formas de vida que estes núcleos históricos necesitan, realizando proxectos e propostas comúns, establecendo políticas de intercambios de experiencias, afrontando problemáticas comúns, por das grandes dificultades que supón conservar estes valores e do esforzo económico que esixe". Entre as obrigas que as cidades deben afrontar están "o mantemento dos cascos históricos, a protección ambiental que en moitos casos foi degradada por desafortunadas intervencións modernas, a restauración de gran cantidade de patrimonio edificado de carácter monumental e todos aqueles problemas que produce o feito de enfrontar unha configuración do pasado coa vida actual".

A sede da delegación da Xunta xa acollera tamén outros encontros anteriores así como a presentación da gastronomía das trece cidades, coincidindo co 40 Aniversario da Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes