A Casa de Galicia en Madrid acolle durante dúas semanas as sesións de formación de "Más Social Conecta" da Fundación Barrié

As xornadas están dirixidas a entidades nacionais do terceiro sector e na de hoxe contaron coa visita da vicepresidenta da fundación e a directora do programa
Madrid. 2 de marzo de 2017

A vicepresidenta da fundación Barrié, Pilar Romero Vázquez-Gulías xunto coa directora de Acción Social, Isabel Pérez, foron recibidas esta mañá polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega. A visita produciuse no marco das sesións formativas "Más Social Conecta" que acolle a Casa durante dúas semanas (de martes a xoves) e que están dirixidas ás entidades nacionais do terceiro sector beneficiarias de Más Social Conecta, unha iniciativa que está dentro do Programa Más Social da Fundación Barrié, que posibilita o desenvolvemento da web corporativa a entidades de acción social.

Pilar Romero quixo agradecer persoalmente a Ónega "toda a axuda e facilidades que nos proporcionastes desde a Casa, así como o afectuoso e exquisito trato dispensado", ao que Ónega respondeu que as portas da Casa estarán sempre abertas para acoller e apoiar iniciativas como as da Fundación, unha entidade galega, que ademais dirixe o seu traballo e esforzo ás persoas que máis o necesitan. "Entre as nosas funcións está a de contribuír a potenciar en Madrid as iniciativas de empresas e institucións galegas que o soliciten para os seus proxectos. Que o faga a Fundación Barrié é toda unha honra para noostros e contamos con que o siga facendo moito tempo", dixo.

Nas xornadas de formación que se están realizando nestas dúas semanas, con seis  sesións, (desde o 28 de febreiro, e os días 1, 2, 7, 8 e 9 de marzo) están a participar representantes da Confederación Asperger España e de Rede Española para o Emprego (Rede Araña).

"Más Social Conecta" xurdiu no ano 2013 no marco do Programa "Más Social" da Fundación Barrié, nun contexto no que moitas entidades do terceiro sector non teñen aínda páxina web ou, se a tiñan non achegaba as informacións que demandaban os seus usuarios.

"Más Social Conecta" está a implantarse co apoio da empresa EDISA, quen desenvolveu un prototipo web, que axuda a mellorar a visibilidade e, con iso as posibilidades de captación de fondos das entidades do terceiro sector. O proceso de implantación da web inclúe unha formación específica para que as entidades sociais beneficiarias sexan capaces de autogestionar as súas respectivas páxinas.

Grazas a Más Social Conecta, ata este momento, 27 entidades do terceiro sector (3 entidades de ámbito nacional e 24 da comunidade autónoma de Galicia) contan cunha nova web que lles permitiu mellorar a súa visibilidade e potenciar a captación de socios e fondos.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes