O delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, asistiu á presentación da "Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050", na Cumbre do Clima COP25

O acto estivo a cargo da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez Mejuto
Madrid, 13 de decembro de 2019.

O delegado da Xunta de Galicia e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, asistiu hoxe á presentación da "Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050" que tivo lugar no Cume do Clima COP25 que se celebra en Madrid, a cargo da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez Mejuto.

Ademais da conselleira, no acto tamén interviñeron o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, que presentou "A traxectoria do Servizo Galego de Saúde como impulsor e referente para alcanzar a sustentabilidade e a resiliencia, unha proposta para repensar", e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, que presentou "A contribución do sector á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable e ás metas fixadas no Acordo de París".

Ángeles Vázquez proclamou na COP25 que Galicia aspira a ser unha das primeiras rexións da Unión Europea (UE) en lograr a neutralidade climática e subliñou o esforzo realizado para situar á Comunidade á vangarda de España e de Europa e convertela nun referente de sustentabilidade. Lembrou tamén que o Goberno galego foi un dos primeiros en afrontar con determinación os principais obxectivos marcados pola UE en materia de quecemento global, xestión de residuos e aproveitamento dos recursos naturais.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes