Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Actualidade

Mostrando o intervalo 11 - 20 de 852 resultados.

A Fundación Barrié celebra hoxe na Delegación da Xunta en Madrid o III e último Seminario da extensión nacional do "Programa Formativo Máis Social-2019"

1. De esquerda a dereita, o formador Joan Plans, a responsable do programa Greta Fábregas, o delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega e o director académico do programa Carlos Cortés.

En total, máis de 80 profesionais dunha trintena de entidades do Terceiro Sector participaron nos tres seminarios do Programa Formativo Máis Social da Fundación Barrié que se celebraron na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia desde o mes de maio. O obxectivo segue sendo o apoiar o fortalecemento das capacidades de xestión das entidades do Terceiro Sector social agora tamén no ámbito nacional, coa participación de entidades, confederacións, federacións, redes ou similares de ámbito nacional. Hoxe estase impartindo o terceiro e último seminario, que leva por título "¿Como desenvolver as túas habilidades en beneficio da túa entidade?" (Nivel avanzado), a cargo de Joan Plans, licenciado en Psicoloxía e Programa de Desenvolvemento directivo polo IESE, e ao que están a asistir 34 persoas de 20 entidades.

"Galicia, talento para exportar"

1. De esquerda a dereita, Aldara Figueiras, márketing de IGATA, Elías Casado de NOVA, o deputado Diego Gago, o coordinador de Actos Ramón Jiménez, Ana Simoneta de AIESEC e Emilio Froján de IGATA.

Baixo o título "Meigas save the talent" o Instituto Galego do Talento organizou esta tarde unha mesa redonda na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia para falar dos novos modelos de liderado e o futuro do traballo. O Instituto Galego do Talento (IGATA) é unha nova maneira de exercer a galeguidade na era da internet e está formado por mozos e mozas profesionais que desempeñan altos cargos en política, empresas, Ongs, universidades, investigación e emprendedores de éxito... IGATA está en sete países, con especial presenza en Estados Unidos, Reino Unido e Australia.

O escritor lucense Manuel Romay López presentou na Delegación da Xunta a súa novela "El centurión proscrito", publicada por Éride Ediciones

O editor Ángel Jiménez, o delegado da Xunta José Ramón Ónega, o autor da novela, Manuel Romay, e a xornalista Pilar Falcón, na mesa da presentación.

O escritor lucense Manuel Romay López (San Martín de Ombreiro, 1941) presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a súa novela "El centurión proscrito", na que dá vida a un centurión romano que fai oriúndo da súa localidade natal (Ponte Umbrarium, en época romana) cuxas aventuras percorren o Imperio Romano do século III d. C., do que fai ampla descrición, partindo das minas de Sil en Montefurado (Quiroga, Lugo), ás que chega prisioneiro. Foi publicada por Éride Edicións e é a primeira novela que escribiu Romay López, aínda que foi a segunda en ser publicada , tras "María Balteira, a soldadeira mais fermosa da Corte do Rei Sabio".

"Valdeorras, Denominación de Cinema": primeiro concurso de curtas para promocionar a comarca

1. De esquerda a dereita, Araceli Fernández, Jhon Varo, o delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega, Xavi Castro e Olalla Rodríguez.jpg

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta mañá a presentación de "Valdeorras, denominación de cinema", primeiro concurso express de curtametraxes nacional que se celebrará en Valdeorras (Ourense) do 26 de agosto ao 1 de setembro, e que ten como obxectivo o colocar a comarca durante unha semana no mapa a través do cinema e ofrecela como un "marabilloso estudio de rodaxe" no que os amantes do  Sétimo Arte poden atopar "case" todo tipo de localizacións naturais. A iniciativa está organizada pola produtora Sintelobos, coa colaboración da empresa AA360 de formación e cursos para actores e actrices; con apoio da "Asociación Ruta do Viño"; e patrocinada pola Denominación de Orixe de Valdeorras.

AEGAMA celebrou esta tarde as súas Asembleas na Delegación da Xunta en Madrid

1. De esquerda a dereita, F. Javier Saguar, secretario xeral; Julio Lage, presidente; Gaspar de Vicente, tesoureiro e Isabel Nogueira, directora.

Un ano máis, a Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (AEGAMA) celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria, "conforme ao establecido nos seus Estatutos", e decidiu facelo na Casa de Galicia, Delegación da Xunta na capital de España, algo que se converteu xa no establecido dado que os empresarios véñeno facendo nos últimos anos, desde que o delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega "abrise as portas" ás asociacións galegas en Madrid, para as súas reunións e actividades profesionais.

Medio centenar de profesionais acudiron á Delegación da Xunta en Madrid ao "II Seminario do Programa Más Social da Fundación Barrié"

1. De Esquerda a dereita, Greta Fábregas, Pilar G. de Viedma, o delegado da Xunta en Madrid José Ramón Ónega e Carlos Cortés.

O Programa Formativo MÁS SOCIAL da Fundación Barrié celebrou na Delegación da Xunta en Madrid o "Segundo Seminario", que leva por título "Como previr e xestionar os conflitos dentro do teu equipo ou cos teus grupos de interese (usuarios, familias, financiadores, outras entidades,…)?"; e a el acudiron case medio centenar de profesionais, (48, concretamente) de 25 entidades diferentes pertencentes a unha decena de colectivos relacionados co Terceiro Sector. Entre os asistentes atopábanse responsables de postos directivos, membros de organismos de goberno e persoal técnico.

"Hasta los andares", de Laura Orens, presentada hoxe na Delegación da Xunta en Madrid

1. De esquerda a dereita, Albahaca Martín da editorial, Ramón Jiménez coordinador da Casa de Galicia, a autora Laura Orens e o esccritor Juanjo Ramírez.

Chámase Fraguiña de Bergantiños. É unha aldeíña imaxinaria que cae pola Costa da Morte. Nela, calquera dos seus habitantes podería ser o asasino do primeiro morto do novo milenio. É o enigma que expón aos axentes do orde, e por extensión ao lector, a novela de xénero policíaco editada por Grupo Tierra Trivium, "Hasta los andares", de Laura Orens, e que esta tarde se presentou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia.

María Xosé Porteiro presenta na Casa de Galicia "Sándalo", novela ponte entre Galicia e Cuba a través de historias das migracións

A doutora en Ciencias Sociais Ángeles Sallé, a ex directora xeral da Cidadanía Española no Exterior Pilar Pin, a xornalista, política e autora da novela, María Xosé Porteiro, o escritor e xornalista Alfonso S. Palomares, a secretaria de Estado de Migracións en funcións, Consuelo Rumí, o delegado da Xunta, José Ramón Ónega, e dous familiares dos intervenientes no acto.

María Xosé Porteiro, xornalista, política e escritora de ascendencia galega, vinculada á emigración galega a Cuba, onde se criou, e gran coñecedora da Galicia Exterior, presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a súa última novela, "Sándalo", publicada 17 anos despois da primeira, " Covardes". " Sándalo" preséntase como unha nave que percorre douscentos anos de historia entre Europa e América, "alberga feitos históricos, ulises galaicos, orixes afrocubanos, secretas sociedades de figuras públicas, independencias políticas e pendencias eróticas" e tende unha ponte entre Galicia e Cuba, unha relación antiga pola que fai un percorrido sentimental a través de diversas historias das migracións. A obra está escrita en galego e foi publicada por Editorial Galaxia.

O escultor coruñés Miguel Couto expón na Casa de Galicia a retrospectiva "dous mil dezanove" de esculturas en bronce

Miguel Couto xunto á súa obra "En femenino IV".

O escultor coruñés (Malpica de Bergantiños, 1971) Miguel Couto exhibe ata o próximo día 28 na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a mostra de esculturas en bronce "dous mil dezanove", unha retrospectiva (2008-2018) de estilizadas pezas de tamaño menor e medio. Acompañou ao escultor na inauguración da exposición o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, quen interveu en representación do delegado e director da mesma, José Ramón Ónega.

A exposición de pintura "EVOCACIÓNS" de Victoria Ramírez Escudero, na Delegación da Xunta en Madrid no mes de xuño

1. Victoria Ramírez ante unha das súas obras.

Monumentos e lugares emblemáticos da Coruña, Madrid, Eivissa ou Venecia, xunto con escenas de mar e bodegóns compoñen a maior parte da exposición de pintura "Evocacións" da artista coruñesa afincada en Madrid, Victoria Ramírez Escudero e que poderá verse na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia durante todo o mes de xuño. Unha obra elegante, equilibrada e que busca a beleza grazas á súa depurada técnica ao óleo, que se reflicte nun perfecto dominio da cor e o uso da luz, achegando lirismo ás súas composicións.

Mostrando o intervalo 11 - 20 de 852 resultados.