Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Actualidade

Mostrando o intervalo 711 - 720 de 853 resultados.

Presentado na Casa de Galicia o proxecto cinematográfico "9 Olas", que se rodará en Ourense e Pontevedra

A Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu hoxe a presentación de proxecto cinematográfico "9 Olas" no que o innovador espazo cultural, de comunicación e encontros elcercano.com, que dirixe Moncho Conde-Corbal, e o director e guionista da película Simone Saibene, italiano afincado en Ourense dende hai anos, uníronse para rodar a película nas cidades galegas de Ourense e Pontevedra durante o próximo verán, cun novidoso sistema de financiamento que permite a quen o desexe converterse en coprodutor.

A relación da Constitución de 1812 coa pedagoxía pecha o simposio que Grugalma lle dedicou no seu bicentenario

 A relación da Constitución de 1812 coa pedagoxía foi a temática que centrou hoxe o "Simposio en torno ao Bicentenario da Constitución de 1812, con especial atención á presenza galaica" que se celebrou na Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid nestes dous últimos días, protagonizando as XXVIII Xornadas de Cultura Galega organizadas polo Grupo Cultural Galicia en Madrid (Grugalma), que preside o profesor Manuel Mourelle de Lema.

A Casa de Galicia acolle as XXVIII Xornadas de Cultura Galega de Grugalma

O Grupo Cultural Galicia en Madrid (Grugalma), que dirixe o profesor Manuel Mourelle de Lema, iniciou hoxe na Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid as súas XXVIII Xornadas de Cultura Galega cun "Simposio en torno ao Bicentenario da Constitución de 1812, con especial atención á presenza galaica", que terá continuidade mañá, tamén a partir das 19 horas. Tomando sempre como referencia a Constitución de 1812, esta primeira xornada centrouse en "A súa época e presenza paragalega" e nela interviñeron a avogada dos colexios de Madrid e Valencia María Bernal Sanz, co relatorio "A España de 1812", e o presidente de Grugalma e académico da Real Academia da Historia Manuel Mourelle de Lema, co relatorio "Personaxes ´galaicos´ , na súa relación coa tramitación e promulgación da Constitución de Cádiz".

"Luces do Atlántico", piano e gaita para celebrar o "Día das Letras"

No repertorio non faltaron nin a Negra Sombra, María Soliña ou A Maruxa, xunto con baladas e danzas interpretadas por Luis Celada Álvarez ao piano cuxo son se fundiu co que xurdía, -segundo as pezas-, da gaita, a frauta de pico, os whistles e a ocarina de Javier Celada Quintanilla.

"Nunca escoitara esta combinación de instrumentos pero encantoume", dixo unha moza espectadora que felicitou a iniciativa, "eu anímovos a que fagades máis apostas deste tipo". En cambio, de entrada, non todo o mundo estaba predisposto, como lle aconteceu a un pontevedrés de mediana idade: son dos que se deixa caer pola Casa sempre que pode, e teño que recoñecer que ao principio tiña as miñas reservas. Gaita e piano... mmm... non é habitual, pero estou gratamente sorprendido polo resultado". Estas eran algunhas opinións escoitadas tras o concerto, que contou coa asistencia de preto de dous centenares de persoas.
O acto presidiuno o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López, e nel interveu tamén o coordinador de Actividades, Ramón Jiménez.

Romay Beccaría, Camba y Ónega avalan a presentación dunha biografía do ex presidente venezolano Luis Herrera Campíng

O presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, o secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba Bouzas, e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, acompañaron hoxe ao político, profesor, escritor, descendente de galegos e secretario executivo da Mesa da Unidade Democrática de Venezuela Ramón Guillermo Aveledo na presentación do seu libro "El llanero solidario. Verdades ignoradas sobre Luis Herrera Campíng y su tiempo", dedicado á vida e obra de quen foi presidente de Venezuela. O acto, presidido por Romay Beccaría, celebrouse na Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid e encheu de público a instalación, a pesar da celebración deportiva que tiña lugar a poucos metros da Casa, en Neptuno. Entre os asistentes estaban un fillo do presidente biografiado, Luis Fernando Herrera Urdaneta, os senadores Iñaki Anasagasti (PNV) e Dionisio García Carnero (PP), o avogado internacionalista González Dellán, que acompañou ao autor do libro, e directivos das principais organizacións galegas en Madrid.

A figuración fotográfica e a plasticidade da pintura únense nas obras que Iago Eireos expón na Casa de Galicia en Madrid

A obra plástica do artista lucense Iago Eireos móstrase dende hoxe e ata o próximo 1 de xuño na Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid na exposición de fotografía/pintura "Umbra Bruna", que reúne pezas nas que a figuración e a narración do medio fotográfico está en comuñón coa plasticidade da pintura, chegando a unha fusión entre o haluro de prata e o pigmento. "A imaxe latente xustapoñer se sobre o soporte pictórico, xerando á primeira vista unha abstracción que contén múltiples realidades", explica o artista.

A Casa acolle ata o primeiro de xuño a mostra "Camiños en Feminino, arte 2011-2012" na inteveñen unha vintena de artistas mulleres

O delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López presidiu a inauguración da mostra colectiva de pintura "Camiños en feminino, Arte 2011-2012", un proxecto cultural da Fundación Camiño de Santiago e a Asociación de Amigas e Amigos do Camiño Portugués a Santiago. O acto contou tamén coas intervencións do coordinador de actividades da Casa, Ramón Jiménez; o presidente da Fundación e comisario da mostra, Constantino Lores; a artista Puri del Palacio, e a critíca de arte Mª Jesús Abeledo. A exposición está formada por obras de: Amelia Palacios, Anxos Igrexas, Basilisa Fiestras, Beatriz Suárez Sáa, Carmen Cabaneiro, Carmen Hermo, Carolina M. Araújo, Chuneta, Coco Pimentel, Glau Fonseca, Helga Mader, Kuqui Pazos, Lidia Costa, Mª Ángeles Guillán, Montse Frieiro, Paula Cabaleiro, Paula Mariño, Paz Vicente, Puri del Palacio e Silvia Capelo.

O Grupo Coral Accento homenaxea a Rosalía de Castro na Casa de Galicia en Madrid

O Grupo Coral Accento ofreceu hoxe na Casa de Galicia en Madrid-Delegación da Xunta de Galicia o concerto poético-musical "Homenaxe a Rosalía de Castro", que alternou un programa musical no que o coro interpretou nove poemas da escritora galega ou dedicados a ela e outro literario no que se fixo unha descrición de Rosalía e se leron algúns dos seus textos, con ocasión do 150 aniversario do seu nacemento. Precedíalle o seu prestixio e o público encheu as salas de actos da Casa para gozar da súa música, en directo e a través de circuíto pechado de televisión.

Machu Picchu era Patallacta según a historiadora Martín Rubio

 “Segundo dous cronistas galegos, Machu Picchu chamábase Patallacta”. Este é o revelador título da conferencia que pronunciou  na Casa de Galicia en Madrid a doutora en Historia de América e especialista na cultura Inca, María del Carmen Martín Rubio . Patallacta significa cidade de plataformas, e é o primeiro nome da cidade inca, que foi descuberto pola investigadora grazas aos documentos inéditos dos cronistas galegos do século XVI Juan de Betanzos e Sarmiento Gamboa. Un importante descubrimento do que se fixeron eco numerosos medios de Perú, América Latina, EUA e por suposto e con maior interese os especializados en en temas históricos, pola enorme transcendencia que ten Machu Picchu.

A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación dunha nova edición do libro "Sobre as Fugas de Cunqueiro", de Landeira Yrago

A Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu hoxe a presentación do libro "Sobre as fugas de Cunqueiro. Outra vida de Álvaro entre o periodismo e a literatura", de Xosé Landeira Yrago, unha nova edición con presentación e notas de Renato A. Landeira, neto do autor, na que Auga Editora recupera un texto inédito do escritor e xornalista Xosé Landeira Yrago.

Mostrando o intervalo 711 - 720 de 853 resultados.