Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Exposición antolóxica de pintura, "PAISAXES GALEGAS", de José Leyra Domínguez

Do 05/03/2019 ó 29/03/2019

Leyra Domínguez (1912-1997) foi autor dunha temática esencialmente paisaxística, mostrando nas súas obras un país tradicional e idealizado, onde están presentes os seus habitantes, en especial cando reflicte os traballos habituais do campo.

Dentro de certo expresionismo teñen gran interese as súas paisaxes de fragas e soutos que mostran as cañotas e os vellos troncos das árbores, reforzados cunha paleta rica en cores, destacando os seus característicos verdes acompañados do mellor xogo de luces.

Así mesmo as súas mariñas reflicten esa mar intensa que bate os lugares máis fragosos da costa ferrolá: Valdoviño, San Xurxo, Cobas ou Doniños.

A exposición poderá visitarse ata o 29 de marzo en horario, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

O 5 de maio de 1912 naceu en Ferrol o pintor e escritor José Leyra Domínguez que, ata o seu falecemento o ano 1997, tivo unha extensa e variada traxectoria profesional nos campos da avogacía e a docencia, desenvolvendo ademais unha intensa actividade como escritor en galego e castelán, xornalista e conferenciante, e deixando unha abundante produción pictórica, ao redor de tres mil obras, unha disciplina que comezou a practicar desde moi nova.

José Leyra foi un home do seu tempo, sempre ben informado de todo o que ocorría ao seu ao redor; foi un apaixonado lector, home polifacético e de ampla cultura. Polo seu recoñecido prestixio intelectual mantivo unha serie de relacións con personaxes do mundo cultural: Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Torrente Ballester, Carballo Calero, Sixto Seco e Chamoso Lamas, entre outros. Pertenceu á Real Academia Galega desde o ano 1951 e foi membro numerario da Real Academia de Belas Artes da nosa Señora do Rosario desde o ano 1978.

Ademais das súas colaboracións en revistas e xornais, foi variada e de calidade a obra escrita deixada por José Leyra Domínguez. Desde o ano 1931, en que publicou Brétemas, pódense citar, entre outras, En torno a Pabo Iglesias (A Coruña 1995), unha detallada biografía do político ferrolán, e Xacobe e Prisciliano (Vigo 1977), un interesante estudo histórico. Deixou inéditas varias obras como un traballo autobiográfico que titulou Desenterrando recuerdos e unha Historia de San Sadurniño, localidade coa que sempre tivo unha intensa relación. Así mesmo deixou inconcluso un Ensayo en torno al periodismo ferrolano.

De gran interese para Ferrol foi a súa obra Pintura ferrolana, publicada o ano 1987 e prologada por Camilo J. Cela, moi apreciada polos estudiosos. Trátase dunha publicación perfectamente documentada e ilustrada de maneira profusa, onde José Leyra informa sobre un total de 120 pintores que exerceron o seu traballo en Ferrol desde o século XVIII ata o ano 1987.

Dedicadas especificamente ao seu mestre Felipe Bello Piñeiro, publicou o ano 1963 La decoración mural de Bello Piñeiro en el Casino Ferrolano, e o ano 1967 Bello Piñeiro y su tiempo, con prólogo de Otero Pedrayo. Os seus contos e narracións escritas en galego mostran un singular coñecemento do país, casos de Unha man ao pé do cruceiro, A pousada do Pote Grande e A morte do boi. Ademais da súa faceta como conferenciante, José Leyra escribiu numerosos ensaios literarios e traballos críticos en diversas publicacións como "Aturuxo", "Vida Gallega", "Arte Galicia", "Abrente" ou "Finisterre".

En canto á súa faceta de pintor, Leyra Domínguez, que baixo a firma dos seus cadros engadía frecuentemente o nome de Galicia, foi autor dunha temática esencialmente paisaxística, mostrando nas súas obras un país tradicional e idealizado, onde están presentes os seus habitantes, en especial cando reflicte os traballos habituais do campo. Dentro de certo expresionismo teñen gran interese as súas paisaxes de fragas e soutos que mostran as cañotas e os vellos troncos das árbores, mentres que a súa pintura vese reforzada cunha paleta rica en cores, onde destacan os seus característicos verdes, mentres busca a compañía do mellor xogo de luces.

José Leyra foi tamén un excelente pintor de mariñas, reflectindo nos seus cadros esa mar intensa que bate os lugares máis fragosos da costa ferrolá: Valdoviño, San Xurxo, Cobas ou Doniños. Da mesma forma, as augas calmas dos ríos da comarca foron o obxecto da súa atención. En xeral, obsérvase o contraste da súa pintura vitalista e de rico cromatismo coa súa actitude persoal ante a vida, de certo pesimismo, propia dun intelectual crítico e comprometido, seguidor de Unamuno e Schopenhauer.

No aspecto artístico Leyra Domínguez non se prodigou especialmente, espaciando as exposicións que celebrou, practicamente todas elas en Galicia. Levou a cabo a primeira delas o ano 1943 na Escola Elemental do Traballo de Ferrol, onde alternou con varios pintores, entre eles o seu mestre Bello Piñeiro, expoñendo logo en varios lugares como a Asociación de Artistas de Coruña, Círculo das Artes de Lugo e, en diferentes ocasións, no Casino Ferrolán, que conserva na súa sede varias das súas obras.

A súa última exposición foi unha notable mostra antolóxica celebrada no Centro Cultural Municipal de Ferrol, organizada no seu recordo polo Ateneo Ferrolán nos meses de novembro e decembro do ano 2000, tres anos despois da súa morte, mostrando setenta obras seleccionadas entre o aproximadamente tres mil cadros que pintou na súa carreira profesional.

José Leyra foi fundador o ano 1956 da Asociación de Artistas Ferroláns, Socio de Honra da SAF desde o ano 1979 e Presidente de honra da Sociedade dos Amigos da Paisaxe Galega. Faleceu na súa cidade natal o 31 de decembro de 1997.



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

A PRESA CHEA - Óleo sobre lenzo 62 x 58 cm ca. 1955-1960

FALANDO ÓS BOIS - Óleo sobre lenzo 72 x 62 cm ca. 1985-1988

MEIRÁS. EL PORTO. Óleo sobre lenzo 55 x 45 cm. ca.1959

RETRATO DE JOSÉ LEYRA DOMÍNGUEZ de Ricardo Segura, 1949