Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Exposición de pintura "INTENCIÓNS", de NOVAIS

Do 04/12/2018 ó 30/12/2018

A través de "Intencións", a pintora coruñesa María Luisa Rojo Grandío, máis coñecida como Novais, trata de expresar todo un mundo de ideas; é unha buscadora de vivencias, para trasladalas ao ámbito artístico, viaxando e acumulando imaxes e cores, para expresar os seus propios soños, experiencias, visións. Novais parte da realidade para deformala e ofrecernos unha nova visión dela; é un construír constante de formas sen que perdan o reflexo da súa identidade.

A súa obra poderá visitarse ata o 30 de decembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

M.ª Luisa Rojo Grandío " Novais" naceu en Ponte do Porto, Camariñas. Pouco despois trasladouse á Coruña en cuxa Escola de Artes Pablo Picasso se graduó en Artes e Decoración e Arquitectura de Interiores, estudos que compaxinou cos que realizou nos talleres de arte Pacucha Segade, Manuel Romero e Mariano García Patiño.

Posteriormente ingresou nunha empresa de proxectos de arte de iluminación, labor que alternou coa súa actividade ata 2007, data a partir da cal dedica en exclusiva á arte.

É membro da Asociación de Artistas Plásticos Galegos (ARGA) e de AEPE (Asociación Española de Pintores e Escultores).

Realizou cursos de litografía, xilografía e gravado calcográfico.

En 2012 participou nun curso-encontro Arte Galega Contemporánea na Natureza, organizado no Pazo de Mariñán, da Deputación da Coruña, pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Tamén no citado Pazo, participou en varias ocasións nos Encontros coas Artes "Espírito de Mariñán".

A súa intención é que a arte se exprese en toda a súa plenitude, que a cor xogue unha baza importante en canto á expresión, e que todos os cidadáns poidan gozar de obras únicas.

O seu estilo móvese entre a abstracción, expresionismo, cubismo, surrealismo e o último, que sería unha conxunción das restantes, o novaísmo. Trátase da inclusión de elementos dos catro estilos nun mesmo traballo. Por exemplo: do cubismo extrae o factor da dimensión temporal; da abstracción, o seccionado de trazos ou as manchas abstractas; o surrealismo reflíctese no contido de cada cadro; e o expresionismo expono mostrando a esencia do que persegue, as ideas do interior e do exterior.

As súas influencias máis directas son os autores comprendidos desde o postimpresionismo ata as vangardas. Marcáronlle moito artisticamente Pablo Picasso, Vasili Kandinsky, Paul Klee, Joan Miró e Willem de Kooning.

Na súa paleta de cores predominan sobre todo laranxas e violetas, gústanlle as gamas intensas e fortes. A elección da cor vén dada polo seu carácter, xa que tenta plasmar a súa vitalidade.



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

"MIRANDO A VENECIA" - Óleo sobre lenzo - 80 x 60 cm. (2018)

"CHEGANDO" - Óleo sobre lenzo. Mixta texturas - 80 x 70 cm. Novais (2016)

"DECISIÓN" - Óleo sobre lenzo - 81 x 100 cm. (2016)

Mª Luisa Rojo Grandío "Novais"