Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación do libro "Al Rey de los Ángeles", de Ramón Loureiro, de Hércules de Ediciones

Data 27/02/2019 19:30

"Al Rey de los Ángeles", unha novela sobre a «verdadeira viaxe dos Reis Magos», é a última proposta do escritor e xornalista de La Voz de Galicia Ramón Loureiro, creador da mítica Terra de Escandoi. Editada por Hércules de Ediciones, é a quinta novela en castelán do autor, Premio Julio Camba de Xornalismo, e supón o seu regreso á ficción tras a publicación, en 2013, de "La asombrosa conquista de la isla ballena".

Acompañarán ao autor no acto de presentación da novela: César Antonio Molina, escritor; Ramón Pernas, novelista e articulista; e Laura Rodríguez Herrera, editora.

Esta obra culmina o ciclo iniciado pola chamada Triloxía do Norte, composta por "Las galeras de Normandía", "León de Bretaña" e "El lejano reino de la Vía Láctea". Trátase dun libro, repleto de humor e de melancolía, no que os Reis Mago viaxan a Galicia, no que reaparece o manuscrito do Quixote e no que, a través da ironía das máscaras da ficción, convídase a reflexionar sobre a deshumanización que caracteriza este «tempo de ferro que nos tocou vivir».

A través desta Terra de Escandoi reinvidica Loureiro a Galicia do norte, un espazo cultural e xeográfico moi diferente ao resto de Galicia, cristianizado nos séculos V e VI polos bretóns que escapaban das illas británicas.

A maxia, a imaxinación, a poesía, desbórdanse nunha novela repleta de sabedoría

Dividida en cento corenta e cinco breves capítulos, de suxestivos títulos: «Onde non creo que os lobos», «Os pasos no interior da mina», «Como os carromatos das xentes do circo»..., un narrador, alzado «contra todo prognóstico de entre os mortos», vai relatando a viaxe e as súas sucesivas paradas, á vez que rememora recordos da súa existencia, e momentos nos que, por exemplo, ve a Sofía Loren, Marcello Mastroniani e Álvaro Cunqueiro, un autor de referencia no mundo de Ramón Loureiro.

Ramón Loureiro (Sillobre, Fene,1965), Premio Julio Camba de Xornalismo e académico de número da Academia de San Rosendo, creou un universo narrativo propio, a medio camiño entre os mapas e os soños, que ten o seu epicentro na chamada Terra de Escandoi, trasunto da súa Sillobre natal e de canto desde alí vese. Un territorio que se estende por todo o norte galego, ao que el denomina a Última Bretaña, e no que brillan con luz propia a Terra Chá e as cidades de Ferrol e Mondoñedo (racionalista e atlántica a primeira, levítica e sempre brumosa a segunda). O empeño que Loureiro puxo en converter ese territorio, as súas propias paisaxes vitais, en literatura valeulle distincións como a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol, o Premio Letras de Bretaña, o Premio Caminhos da Memoria (outorgado pola universidade portuguesa do Minho) e o título de Embaixador Permanente de Fene. Foi xurado do Premio Nacional de Literatura e do Premio Nacional da Crítica.


 



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Portada da novela, publicada por Hércules de Ediciones.

Ramón Loureiro, autor do libro.