Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación da novela "SUEÑOS ELÉCTRICOS", de Ramón Caride

Data 18/03/2019 19:30

A Editorial Sial Pigmalión acaba de publicar a edición en castelán da novela coa que, na década dos 90 e con tan só 35 anos, fixo gañador a Ramón Caride do premio Blanco Amor. Tratábase de "Soños Eléctricos", na que o autor imaxinaba un mundo con seres humanos que serían deseñados á carta por expertos xenetistas.

A crítica considerouna como a novela fundacional da ficción científica galega, unha novela que nos introduce nun estremecedor universo distópico no que se coan refachos de esperanza.

Intervirán no acto de presentación, ademais do autor: Vicente Araguas, profesor, escritor e crítico literario; Basilio Rodríguez Cañada, presidente do Grupo Editorial Sial Pigmalión e Xesús Manuel Marcos, escritor.

Nuns tempos nos que a ciencia e a tecnoloxía invadiron o cotián, a ciencia ficción de Ramón Caride ofrécenos a posibilidade de traspasar a fronteira entre as humanidades e o científico-tecnolóxico. El mesmo é un exemplo paradigmático de creador con formación científica e un excelente dominio da linguaxe que se plasma nunha obra extensa, diversa e amplamente recoñecida pola crítica e os premios.

A proposta, absolutamente fresca e vixente hoxe, cobra vida nunha edición moi enriquecida con dous atinados textos como son o prólogo de Isabel Mociño e un epílogo a cargo de Jorge Emilio Bóveda.

Ramón Caride Ogando, nacido en Cea en 1957 é un dos máis destacados escritores actuais das letras galegas e autor, ademais da apuntada, de novelas como Sarou/ Louzós (Premio Café Dublín), Tiempos de fuga (Premio Risco), El frío azul (Premio Lueiro Rei, Premio Templis- Fnac) Liquidación de existencias, O camiño da Estadea e Terra queimada. Publicou tamén numerosos libros de relatos, como Dedre, Endogamia 0.2, Flash-Black 13 e Singamia 1.1 e doutros xéneros como o ensaio (O gume dos espellos, Catro x 34), a poesía (As máscaras de Cronos, Criptografías, A chuvia humana) e, tamén literatura infantil e xuvenil, como Las aventuras de Sheila e Said, ilustrada por Miguelanxo Prado, editada con gran éxito en galego, castelán e portugués.



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Portada da novela, publicada polo Grupo Editorial Sial Pigmalión.

Ramón Caride, autor da novela.