Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Exposición de pintura "SENTIMENTOS", de Cuadrado

Do 06/03/2019 ó 29/03/2019

Cuadrado presenta unha mostra da súa obra pictórica na que coexiste o surrealismo co simbolismo, dúas tendencias coas que a artista trata de transmitir unha mensaxe inspirada nun universo onírico e imaxinario que o visitante deberá descubrir e interpretar.

A exposición poderá visitarse ata o 29 de marzo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

Nada en Matamá (Vigo) en 1971, aínda que residente en Camos desde hai 19 anos, comezou a pintar aos 16 anos no estudo de Manuel Cabaleiro (Vigo). Anos máis tarde pasa a traballar con el, compartindo o traballo e o estudo. Comeza a súa andaina en solitario impartindo clases en 1997 en diferentes centros, como a Asociación de Veciños de Bouzas, o Colexio Santa Vedruna (Vigo), o CPI Cova Terreña ou o Centro de Xubilados de Baiona.

Ao longo destes anos realizou innumerables exposicións individuais e colectivas. Individualmente expuxo na Sala de Arte Beade, a Galería de Arte Matosiños, a Casa do Libro en Vigo, a Galería Lucila Guimarães, a Capitanía Marítima de Baiona, o Concello de Nigrán ou a Sala de Exposicións do Concello de Caminha.

Participou en exposicións colectivas no Liceo Marítimo de Bouzas, o Club Náutico de Panxón, a Sala de Exposicións de Renfe en Vigo, a Sala Posto do Turismo Vila Nova de Cerveira ou a Xunta da Fraguesía de Matosiños en Portugal, o Parador de Turismo de Baiona, a Galería Municipal A Estrada ou Salvaterra.

Nestes anos cabe destacar a vinculación con distintas organizacións vangardistas no mundo da arte. Tomando iniciativas solidarias e creativas. En 2002 foi socia fundadora do grupo Luso Galaico (GALG) na Casa da Anta Lanhelas (Portugal), onde se celebrou o primeiro encontro Luso-Galaico de Pintura.

No ano 2003 conxuntamente con Alicia Sarmiento funda a asociación "Arte Aberta", co obxectivo de que persoas con recursos limitados tivesen acceso ao mundo da arte e darlle os medios para poder desenvolver a súa creatividade. Destaca o ano 2004, co evento organizado por esta asociación co proxecto Pintar Bouzas, no cal participan pintores da cidade de Vigo e o país veciño (Portugal) co fin de achegar a arte a todo mundo e recadar fondos para a loita contra o cancro.

No 2006 organiza e dirixe a exposición benéfica prol-inundacións en Sabarís. Este evento creouse para a recadación de fondos para os damnificados seriamente afectados polas inundacións. Tendo gran repercusión grazas á colaboración de artistas coñecidos como José Luis Otero, Manuel Cabaleiro, Álex Vázquez, Xavier Lemos, Rufino Peral, Puri do Palacio, Lodeiro, Antonio Herdeiro, Caino, José Marchá, e moitos outros de recoñecemento internacional. Tanto os artistas como os cidadáns envorcáronse co evento, tendo un gran éxito e repercusión social, logrando unha recadación fantástica para a colaboración cos veciños.

Neste mesmo ano participa na exposición internacional Arte na Planix Alentexo (Portugal), evento organizado por Paco Bandeira. Este evento bríndalle a ocasión de compartir unha fin de semana pintando co mestre Mari Cesariny e un gran número de pintores internacionais.

No 2008 participa na exposición organizada pola revista anual da asociación dos Amigos do Arquivo de Peñafiel (Portugal). No ano 2010 un dos seus cadros é elixido para ser a portada do libro escrito polo xornalista Castro Guerreiro co título " HISTORIA, PATRIMONIO E ARTE", e o Concello de Tomiño outórgalle o terceiro premio de pintura ao aire libre na Festa do Kiwi.

A súa obra forma parte, entre outras, das coleccións privadas das Cámaras Municipais de Gaia, Matosiños, Porto e Rayolas ou o Museo da Bienal de Vila Nova de Cerveira en Portugal, do cantautor Paco Bandeira, do Hotel Anunciada de Baiona ou dos Concellos da Estrada, Poio ou Salvaterra.



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

"SILENCIO" - Técnica mixta - 65 x 81 cm. 2017

"TÓXICO" - Técnica mixta - 65 x 81 cm. 2018

"CON LIMITACIÓNS" - Técnica mixta - 81 x 65 cm. 2018