Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación do libro "BRANQUIAZUL. Historia oral de los años dorados del Dépor", de Marcos Gendre, editado por Contra

Data 21/01/2020 19:30

O libro documenta, a partir do testemuño de máis de sesenta persoas relacionadas co club herculino, os anos de auxe do fútbol galego e, máis concretamente, os éxitos colleitados polo RCD A Coruña en diversas competicións nacionais e europeas.

Intervirá no acto, ademais do autor, o xornalista Xosé Hermida.

A historia do Real Club Deportivo da Coruña non ten parangón no fútbol moderno. Poucos clubs tiveron unha traxectoria tan dramática e emocionante como a do equipo herculino.

"Branquiazul: Historia oral de los años dorados del Dépor" é o resultado de case dous anos de traballo do coruñés Marcos Gendre, que entrevistou ao redor de setenta personalidades do mundo do deportivismo e os seus rivais, tanto do corpo técnico como a xogadores carismáticos, así como a un selecto grupo de xornalistas deportivos e seguidores, entre os que destaca a inchada dos Riazor Blues. Así, a través do relato en primeira persoa de Augusto César Lendoiro, Jabo Irureta, Fran, Donato ou José Ramón, entre moitos outros.

Gendre compuxo un fresco vívido e apaixonante dos altibaixos dun club que sufriu e celebrou como ninguén, sobre todo entre os anos oitenta e principios do século XXI. Momentos funestos e estelares como a errada promoción da tempada 89-90 contra o Tenerife, o ansiado ascenso a Primeira da 90-91, os convulsos duelos contra o eterno rival —o Celta de Vigo—, a conquista do primeiro título para o fútbol galego coa Copa do Rey de 1995 fronte ao Valencia C. F. ou a vitoria na liga 99-00, así como os cinco anos de xestas na Champions, configuran o mito dunha epopea balompédica extraordinaria.

Branquiazul é tamén a historia dunha cidade, A Coruña, que atopou no fútbol un referente, un faro e un futuro, sobre todo aqueles raparigos e raparigas que padeceron a crise económica dos oitenta, unha estratificación social moi acusada e sufriron os estragos das drogas e a ferida moral que supuxo a perda da capitalidade de Galicia —que pasou a Santiago de Compostela—, e que se aglutinaron ao redor dun club cuxos éxitos contribuíron a conquistar coa súa paixón e entrega.

Marcos Gendre (A Coruña, 1978) é un dos autores máis prolíficos da literatura musical en lingua castelá. De entre a trintena de ensaios musicais que publicou en diversas editoriais, destacan "Pata Negra. Anarquía y libertad de los Amador" (Efe Eme, 2018), " Mánchester. El sonido de la ciudad" (Milenio, 2018) e "Miles Davis. El big bang oceánico" (Lenoir, 2017). Como xornalista musical, escribe habitualmente en publicacións como El Salto, Rockdelux, Atonal, Leer, El Destilador Cultural, Mondosonoro, Tiu Mag, Vinte, Luzes e nos cadernos Efe Eme, e tamén colabora puntualmente na prensa deportiva en revistas especializadas como Panenka, Skyhook e Volata. Ademais, é membro fundador da revista dixital La zancadilla e formou parte do equipo de redacción de SFX e Comicmanía. "Branquiazul: Historia oral de los anos dorados del Dépor" é o seu último libro.



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Portada do libro