Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación do libro de poemas "Ayer y todavía", de Vicente Araguas, editado polo Grupo Editorial Pigmalión

Data 18/11/2019 19:30

Neste poemario formado por 42 pezas, o autor, ademais de referencias culturais varias, recolle vivencias persoais, primeiras relacións de parella, situacións familiares, pasaxes da súa infancia e adolescencia, un compendio de historias que contextualizadas ou lidas en voz alta polo propio Vicente aínda resultan máis enriquecedoras, apaixoadas e conmovedoras.

Participará no acto, ademais do autor, Basilio Rodríguez Cañada, presidente do grupo editorial Sial Pigmalión.

Vicente Araguas (Xuvia-Neda, Coruña, 1950) é doutor en Filoloxía Inglesa, cunha tese sobre El mundo poético de Bob Dylan, publicada co mesmo título por Sial Pigmalión. Ensaísta, pois, novelista, crítico literario, tradutor desde diferentes idiomas, Araguas considérase, fundamentalmente, poeta. En galego e castelán. Nesta última lingua, á espera da súa anunciada El deseo aislado. Poesía completa, publicou ata a data catro libros. Dous deles, No se llora con la boca llena e Soleá, nesta mesma editora. No se llora… ten tradución italiana, Non se piange coa bocca piena (Lepisma), a cargo de Sabrina Lembo.

Ayer y todavía é unha volta de porca máis na reconstrución do pasado, poético e vital, do autor, quen, a partir de indubidables premisas estéticas, aborda un concepto ético inseparable da dureza melancólica do oficio de vivir. Tamén do de amar. Vicente Araguas, en fin, aliméntase dun pasado reconstruído desde o presente, dando paso co «aínda» a un raio de esperanza, que se deixa ver no fondo da telonaxe, como na tempestade de Giorgione, ese cadro polo que di sentir fascinación.

Como antólogo, de poesía galega neste caso, publicou, tamén en Sial Pigmalión La lluvia en el mar, análise e repaso do que se goberna actualmente, en termos poéticos, na Galicia de Vicente Araguas.



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Portada do libro.

Vicente Araguas, autor do poemario.