Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Inauguración da exposición fotográfica retrospectiva "LUME DE BIQUEIRA: 20 ANOS DE MÚSICA"

Data 11/12/2018 19:30

Esta mostra fotográfica forma parte dos actos conmemorativos do vixésimo aniversario da fundación da Banda de gaitas Lume de Biqueira. As imaxes seleccionadas intentan contar a historia dun grupo de músicos que, desde uns comezos ben modestos, se converteron nunha referencia no mundo das bandas de gaitas en España.

Durante o acto, Ángel Hernando e Fernando Molpeceres, integrantes de Lume de Biqueira, interpretarán algunhas pezas musicais. Tamén intervirán Pilar Falcón, presidenta do Club de Periodistas Gallegos en Madrid, e Carlos de Blas, coordinador da Enxebre Orde da Vieira.

Lume de Biqueira é a banda de gaitas máis heterodoxa e, probablemente, máis espectacular do panorama da música celta en España, ademais de ter unha ampla proxección internacional sen parangón no momento actual. A súa música, produto da fusión de ritmos e estilos, a incorporación de instrumentos nada habituais para estas formacións e un directo impactante por estética e número de compoñentes, fan de cada actuación unha gran festa, como xa comprobou o público de moitísimos lugares de España e de países de culturas tan dispares como Irlanda, Francia, Lituania, Italia ou Reino Unido, e en agosto de 2018 mesmo de China.

En 1998 fundouse a Banda de Música e Investigación Albedro, unha asociación sen fins de lucro, cuxo principal obxectivo é difundir e investigar a música de raíces celtas, particularmente a galega.

Case ao mesmo tempo, e para que servise de manifestación artística da asociación, créase a Banda de Gaitas Lume de Biqueira. Moi pronto esta agrupación centra o groso da actividade da asociación e comeza unha actividade incesante de actuacións por España e o estranxeiro

A Banda de Gaitas Lume de Biqueira radica en Madrid e desde os seus inicios centrou a súa actividade en crear un son propio, sobre a base de actuar en concertos e desfiles (tres anos no de San Patricio, en Dublín, con premios á "mellor banda do festival" (2003), o "Espírito do Festival (2004) e "mellor banda de adultos" (2010). Nos seus concertos aúna tradición e modernidade, mesturando as gaitas e a percusión coas guitarras eléctricas. Os seus temas combinan melodías galegas ou asturianas, con irlandesas ou escocesas.

A súa música é claramente folk celta, pero pretenderon presentala como unha evolución. A temas tradicionais galegos ou asturianos, uniron melodías irlandesas ou escocesas. Pero tamén foron incorporando versións adaptadas de temas procedentes da música clásica, como o Canon de Pachelbel, ou rumbas flamencas e mesmo ritmos brasileiros.

Cando os concertos o requiren, a incorporación de instrumentos nada habituais para unha banda de gaitas como guitarras, baixo, teclado, frautas, percusións étnicas, etc. dotan a Lume de Biqueira dunha personalidade única e permiten ao grupo explotar todo o seu potencial.



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Lume de Biqueira celebra o seu vixésimo aniversario da súa fundación cunha exposición fotográfica retrospectiva.

Lume de Biqueira traspasa fronteiras e dá a coñecer a súa música en países de culturas tan dispares como Irlanda, Francia, Lituania, Italia ou Reino Unido, e en agosto de 2018 mesmo de China.

Lume de Biqueira estivo presente en varias ocasión no desfile no día de San Patricio en Dublín.

Lume de Biqueira, acompañado polo gaiteiro Carlos Núñez.