Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentación do número 6 de Olga (Revista de Poesía Galega en Madrid)

Data 18/02/2019 19:30

Este número está dedicado ao movemento musical Voces Ceibes no cincuentenario da súa fundación. 

No acto de presentación intervirá Vicente Araguas, director da revista e antigo compoñente de Voces Ceibes.

A revista Olga de poesía galega en Madrid foi un dos últimos soños literarios de Sabino Torres, o editor responsable da primeira colección poética en galego na posguerra. A revista está realizada por tres poetas: Vicente Araguas (director), Rafael Yáñez (subdirector) e Manuel Pereira (secretario) e o seu primeiro número dedicouse ao grupo Bilbao, un grupo dunha vintena de poetas galegos que se reunían en Madrid no Café Comercial.

Sabino Torres creouna coa intención de ser un canle de expresión dos poetas galegos en Madrid, cidade cada vez máis aberta ao mundo da galeguidade. Preténdese con ela unir a tradición poética de Galicia cos novos tempos do século XXI.

Voces Ceibes foi un colectivo musical que desenvolveu a súa actividade entre 1968 e 1974. Estaba formado por un grupo de cantautores dedicados á canción social e de protesta en lingua galega. Os poemas de Celso Emilio Ferreiro constituían as letras da maior parte das cancións, ademais dalgunhas composicións propias. Inicialmente o grupo estaba integrado por Vicente Araguas, Benedicto, Xavier, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso, Alfredo Conde e Margarita Valderrama. Posteriormente engadiuse ao grupo Miro Casabella, Xaime Barreiro Gil, Tino Álvarez, Suso Vaamonde e Bibiano.

En xuño de 1968 publican os seus primeiros discos e comezan a realizar diversas actuacións por todo o territorio galego. Destaca a súa actuación en París en 1969.

En 1972 participaron na gravación do disco colectivo Cerca de mañana. As disensións internas e os cambios políticos fixeron que o grupo se disolvera en decembro de 1974.



Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes

Olga. Revista de Poesía Galega en Madrid. Núm. 6. Voces Ceibes: outra re-volta.