Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

José Ramón Ónega recibiu a Medalla de Ouro da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo por "o apoio á marca turístico-gastronómica "...E para comer, Lugo" e o seu gran labor á fronte da Casa de Galicia"

O galardón foille entregado no transcurso dunha cea que se celebrou na localidade lucense de Antas de Ulla
Antas de Ulla, (Lugo), 14 de marzo de 2016

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, recibiu a Medalla de Ouro da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, que preside Cheché Real, "non só polo labor de apoio incondicional á marca turístico-gastronómica "...E para comer, Lugo", senón tamén polo gran labor que desempeña á fronte da Casa de Galicia en Madrid, proxectando no exterior as excelencias da nosa Comunidade Autónoma". O acto de entrega tivo lugar no transcurso dunha cea no restaurante Val da localidade lucense en Antas de Ulla.

"Contade comigo para levar polo mundo esa imaxe de Galicia excelsa que todos admiran e que vós estades a crear co voso traballo e esforzo", dixo Ónega tras as palabras de agradecemento e engadiu: "Contade comigo para levar polo mundo esa imaxe da nosa provincia. Contade comigo para espallar o voso esforzo e traballo para que sexa levado aos confíns do noso país e do estranxeiro".

Ónega lembrou aos asistentes no seu breve discurso que descende de "familia de adega e casa de comidas. O meu avó, e aínda o meu pai, tiveron taberna e almacén de viños en Mosteiro-Pol. A miña casa foi parada e fonda de arrieiros que comunicaban Lugo coas terras de Mondoñedo e a costa lucense", polo que valora especialmente o duro traballo que require de quen se dedica a esta actividade. Neste sentido sinalou que "A Asociación Provincial de Hostalería e Turismo de Lugo non é unha Asociación máis. É unha Asociación que converte o traballo duro en riqueza colectiva, en iniciativas inspiradas na creación de proxectos que son a imaxe e a proba do voso traballo diario". Engadiu ademais que "nun mundo, como o actual, onde a competencia é loita, ten máis valor o voso esforzo. Pero vós lográstelo, estades a logralo cada día".

Noutro momento, citando a un autor inglés que falaba da gastronomía do seu país, no que "para comer ben, era recomendable almorzar tres veces antes", Ónega destacou que "En Galicia, non. Na nosa Galicia, basta con comer unha vez, e en Lugo, esta única comida vale para unha semana, non só pola cantidade senón tamén pola calidade. Ese slogan famoso de ...E para comer Lugo, expresa a verdade. Como en Lugo, e que nos perdoen os de por aí, non se come en ningures. ¡En ningures!, dixo con énfase.

Ao encontro asistiron máis dun centenar de persoas, entre elas destacadas personalidades da sociedade e a política galega e lucense como o presidente do CD Lugo, Tino Saqués; os alcaldes de Antas, Palas, Monterroso e Pol, Javier Varela, Pablo Taboada, Jesús Otero e Lino Rodríguez, respectivamente; o responsable da área de turismo da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal; o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes