Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Conferencia "O Camiño de Santiago como modelo internacional de revitalización das Peregrinacións contemporáneas: claves do éxito", polo catedrático de Compostela Rubén C. Lois

O acto enmárcase dentro do Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudios Jacobeos, organizado na Casa de Galicia pola Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid
Madrid, 25 de novembro de 2013

A Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid acolle esta semana a celebración da décimo terceira edición do Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudios Jacobeos, organizado pola Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid. Este ciclo conta con catro relatorios a cargo de especialistas en diferentes temas relacionados co Camiño. Rubén C. Lois, catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela foi o encargado esta tarde de pronunciar a conferencia inaugural, baixo o título, "O Camiño de Santiago como modelo internacional de revitalización das Peregrinacións contemporáneas: claves do éxito".

A presentación foi realizada polo presidente da Asociación dos Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid, José Antonio Ortiz e nela, tras as palabras de agradecemento, expuxo algúns dos datos máis relevantes da traxectoria profesional do ponente. Rubén Camilo Lois González é catedrático e profesor de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela da que foi decano. Tamén é profesor invitado en numerosas Universidades, entre elas, de Le Mans, Caen, Toulouse-Le Mirail (en Francia) e Bergen (en Noruega). Ademais, é autor de varias decenas de libros e artigos, moitos deles centrados nos cascos históricos, no Camiño e a cidade de Santiago de Compostela, e publicou estudos nas prestixiosas revistas Tourism Geography e Geographiske Rundschau. Actualmente participa como investigador en numerosos proxectos nacionais e internacionais.
O profesor explicou que el naceu en Palas de Rei, localidade lucense pola que pasa o Camiño. "Nacín na miña casa, o que significa que nacín a poucos metros do Camiño e supoño que iso marca dalgunha maneira". Este feito marcoulle e seguro que tamén ser fillo de Rubén Víctor Lois Calviño, un dos pais da autonomía, que axudou a construír en primeira liña como secretario xeral de Turismo, Cultura, Educación... e tamén presidente da Sociedade de Xestión do Xacobeo.

Rubén Lois, explicou que O Camiño de Santiago móstrase hoxe "como ou exemplo máis exitoso a nivel internacional dás peregrinacións contemporáneas e da construción de itinerarios culturais". Para iso debullou algúns dos factores para que isto fose así.

En primeiro lugar, que as peregrinacións contemporáneas non son relixiosas no sentido clásico do termo. "Deben cualificarse de postseculares ou espirituais e unen crentes e xentes con posicións diversas, unidas polo interese pola paisaxe, a mobilidade lenta e o reencontro cun mesmo".
Por outra parte, a noción de itinerario cultural relaciónase coa posta en valor patrimonial da ruta xacobea, unha experiencia que foi recentemente copiada en toda Europa. Ademais, "o Camiño dotouse dun contido polisémico e variable": De icono da igrexa tradicional a finais do XIX, referente do nacional-catolicismo nos 1940 e 1950, a modelo da nova España e Galicia europeos, tolerantes e multiculturais. Trátase do cambio de significado, que en ocasións exprésase coa utilización de dous iconos, o Santiago guerreiro ou o Santiago peregrino. E por último, é "un produto global que fascina a xaponeses e coreanos por uns motivos, a alemáns por outros, a norteamericanos por outros, etc., pero que enlaza coas múltiples buscas do ser humano contemporáneo". Os datos dispoñibles sobre o perfil e as motivacións dos peregrinos sinalan estes puntos. Algunhas curiosidades son por exemplo, que os Anos Santos, inflúen sobre todo no fluxo nacional. A maioría dos peregrinos do Camiño son mozos e séniors, de todo o mundo. Os maiores fano durante case todo o ano. Aínda que os mozos gastan menos, son un valor promocional fantástico. Outro detalle, aos alemáns atráelles moito a paisaxe, e os franceses consideran o Camiño como seu.

O relatorio rematou cunha quenda de preguntas, que o relator se prestou a responder.

 O ciclo, do que este ano se celebra a décimo terceira edición, completarase cos seguintes relatorios: Mañá, martes, 26 o profesor de Historia da Arte da Universidade Complutense de Madrid, Francisco Prado-Vilar, pronunciará a conferencia, "A Porta máis bela que o ceo teña sobre a terra: Novas investigacións sobre o Pórtico da Gloria". O mércores, 27, o enxeñeiro técnico forestal e director do Centro Montes e Serradoiro de Valsaín, Javier Donés Pastor falará sobre: "Parque Nacional da Serra de Guadarrama: Fito no Camiño de Madrid a Santiago". O xoves 28. Será o bibliotecario Antonio Magariños Compaired, o encargado da clausura do ciclo co relatorio "Selección de fontes para o estudo do Camiño de Santiago". Todas elas ás 19:00 na sala A da delegación da Xunta de Galicia en Madrid. C/Casado do Alisal, 8. 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes