DescargaMedios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Exposición en Madrid de pintura y debuxo de Ana Ferreiro, ata o 29 de setembro

A artista ourensana mostra a súa obra "no eixe museístico do mundo, onde máis arte hai en menos espazo"
Madrid, 10 de setembro de 2013

"A delegación da Xunta en Madrid está situada na zona do mundo con máis arte en menos espazo" dixo o arquitecto tamén ourensano Julio Touza na presentación da mostra de Ana Ferreiro, e fixo un repaso polos diferentes centros de referencia próximos como "o Museo Thyssen, El Prado, El Reina Sofía, a Fundación Mapfre, CaixaForum... e a Casa de Galicia. Neste panorama expós as túas obras", sinalou Touza.

No acto de inauguración, o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez explicou a orixe da mostra. "Que me gusta é obvio, xa que eu mesmo a animei a que a trouxese a esta Casa, ante as súas reticencias," polo que podería afirmarse que foi él mesmo quen "rescatou os cadros da humildade" da súa autora. Unha humildade que se transloce, a nada, que se observen, os temas tratados polo seu pincel, que son sinxelos. Precisamente por iso teñen a transcendencia do popular". E sinalou o cadro do "mendigo", como o gran personaxe que "abandeira a mostra", é o "buque insignia", o "xefe". Jiménez sinalou que aínda que todos os cadros teñen títulos sinxelos, aparentemente doados, "non representan senón a punta do iceberg do que esconden detrás, que queda para a imaxinación,".

O coordinador presentou tamén a Julio Touza, "un arquitecto amigo desta Casa", non en van é "o artífice dela tal e como a coñecemos", pois foi o autor do proxecto de rehabilitación do edificio.

Na súa intervención, Touza falou de diferentes aspectos relacionados coa artista. En primeiro lugar, recordou algunhas anécdotas da infancia da "chispeante e intelixente nena", á que coñeceu de pequena e cuxo pai era ferroviario, curiosamente, na mesma estación de Ribadavia na que a súa avoa e as súas tías rexentaron o bar dende onde axudaron a tantos xudeus a escapar do nazismo o pasado século. "Ana coleccionaba as chapas dos refrescos que lle daban as miñas tías, coma se fosen moedas, despois de que o tren as esmagase ao pasar sobre elas nos railes". En segundo lugar, fixo un chamamento ao pulo de Ana como persoa e como muller, "de aparencia miúda e fráxil, pero forte e cunha coraxe admirable, e ademáis sempre sorrinte". E por último centrouse na súa obra, á que definiu como "sensible, humana, directa, sinxela, honesta e grandiosa". Ana plasma nos seus cadros os personaxes tal cual son, sen adornos nin ouropeis, captando a esencia mesma do que pinta, cunha "sinceridade e naturalidade extremos". Especial atención mereceron os debuxos da pintora, que Touza cualificou de "soberbios e magníficos", pois ao seu parecer, "poderían pasar por ser de Fortuni ou de Da Vinci". "Teñen uns trazos maxistrais", dixo, polo que a animou a seguir traballando tamén neste campo, tendo en conta os seus dotes e capacidade innatos para o debuxo, e ademais cos tempos que corren, adoitan ser máis alcanzables. Tamén a felicitou polos seus logros, “chegaches moi lonxe, fíxate, a expoñer no eixe museístico do mundo. En ningún outro lugar hai máis arte en menos espazo", recordou.

Pola súa banda, a autora, moi contenta e emocionada, agradeceu a todos o apoio e afecto demostrados. Para Ana Ferreiro, "a pintura é sobre todo, emoción. A partir da realidade, dunha idea e do sentimento xorde unha obra coa que me gustaría emocionar os que a contemplen".

A mostra poderá verse na sala B da Casa de Galicia ata o 29 de setembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas -laborables-. Domingos e festivos de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes