Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O titular da Xunta presidiu esta tarde, na Casa de Galicia en Madrid, a presentación da colección 'La Gran Obra de los Caminos de Santiago', editada por Hércules de Ediciones

Ao acto asistiron preto de duascentas persoas
Madrid, 17 de septembro de 2013

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu esta tarde en Madrid a presentación da colección La Gran Obra de los Caminos de Santiago, editada por Hércules de Ediciones, unha colección que, dixo, “é plenamente consecuente coa experiencia peregrina” ao “abrir de par en par as portas do Camiño”, para que non sexa xamais “unha finca illada, senón que permita entrar a todo aquel que o desexe; e ao demostrar “que a cultura xacobea está viva, máis viva que nunca”.

Preto de duascentas persoas acudiron á Casa de Galicia para presenciar o acto que presidiu Feijóo e no que interviñeron tamén o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López; o presidente de Hércules Ediciones, Francisco Rodríguez Iglesias; e o coordinador da obra, Segundo Vázquez Portomeñe.

Na súas palabras o mandatario galego remarcou que, ao igual que a experiencia de calquera peregrino que se achega a Compostela, a obra presentada hoxe é como “unha moeda de dúas caras, que por un lado absorbe toda a forza acumulada polo Camiño no pasado e polo outro o engrandece para o futuro”.

“Como o Xacobeo, cada achega a favor do Camiño permite confiar en que este fenómeno se prolongue durante moitos séculos máis”, engadiu Feijó, incidindo en que hoxe esa confianza lla debemos aos ilustradores, fotógrafos, escritores e editores que fixeron posible esta obra.

O presidente galego aludiu a que as rutas que conducen a Compostela explican, en boa medida, “o que somos” e polo tanto, dixo “merecen a nosa dedicación e os nosos coidados para mantelas e engrandecelas”. “Estudar os camiños, coñecelos e difundilos é tamén unha maneira de asentalos, de mantelos e de compartilos con calquera persoa do mundo”, sinalou, por iso convidou aos autores da colección presentada hoxe a continuar esta  tarefa no futuro “porque detrás dela –abundou-, hai algo máis que a simple recompilación de datos”

Feijóo tamén se referiu a que no día de hoxe asinou un convenio de colaboración co ministro de Industria para incorporar as vantaxes de internet ao Camiño de Santiago, xornada que pecha coa presentación desta obra que reflicte a vivencia da peregrinación. Dous actos nos que, dixo, “conflúe o mesmo acerto que inspirou aos impulsores do Xacobeo: o acerto de querer coñecernos mellor, pero tamén de dar a coñecer o noso”, concluíu.  

Pola súa banda, o director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, referiuse a esta colección como “un xardín de esforzos que recolle tesouros de cultura, arte, historia, crenzas, fe indestrutible, paisaxes e aromas do que fomos e somos. Acaso –precisou-, porque, como expresaba Petrarca, os libros ensinan a vivir e a morrer”.

Así mesmo, afirmou que os autores, coordinador e editor desta obra, “magnífica de contidos e excepcionalmente valiosa na súa dimensión cultural”, non só recuperaron o pasado senón que son “enxeñeiros da alma, artífices do pasado”. “Esta obra ten perfumes, matices, ensinanzas, percorridos e secretos que quedarán como referencia por moito tempo. É unha obra maxistral. O camiño é un espazo de vida, un territorio que sempre estará con nós porque é noso”, sentenciou.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes