O Delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, participou na apertura da XXIII Lectura Continuada do Quixote, organizada polo madrileño Círculo de Bellas Artes

O fixo en representación do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo
Madrid, 23 de abril de 2019.

O Delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega, participou esta tarde na apertura da XXIII Lectura Continuada do Quixote, organizada polo madrileño Círculo de Belas Artes en conmemoración do Día Internacional do Libro e coincidindo coa entrega do Premio Cervantes 2018, que nesta edición recoñeceu a obra da poeta uruguaia Ida Vitale. Ónega participou na Lectura representando ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

A nova Premio Cervantes, Ida Vitale, foi a encargada de iniciar a Lectura, na que tamén participaron, entre outros, os ministros de Cultura e Deporte, José Guirao, Traballo, Migracións e Seguridade Social, Magdalena Valerio, e Economía, Nadia Calviño, a alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, a vicepresidenta do Tribunal Constitucional, Encarnación Roca, e directivos do Círculo, como o seu presidente, Juan Miguel Hernández León, e o seu director, Juan Barja.

Esta lectura ininterrompida desenvólvese ao longo de corenta e oito horas. Iniciouse ás 18 horas deste martes 23 e está previsto que finalice ao redor das 14 horas do xoves 25. Tamén están previstas conexións telefónicas e videoconferencias en directo e pregrabadas con: Panamá, Honduras, Cuba, Paraguai, México, Bolivia, O Salvador, Brasil, Costa Rica, Arxentina, Chile, Estados Unidos, República Checa, Grecia, Albania, Francia, Italia, Romanía, Polonia, Rusia, Guinea Ecuatorial, Tunes, Marrocos, Xordania, Corea do Sur, India, China, Xapón, Filipinas, Malaisia e distintos puntos de España como El Toboso, Alcalá de Henares, Conca, Córdoba, Gran Canaria, a Rioxa e Cidade Real, entre outros.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes