Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O presidente do Banco Popular, Ángel Ron Güimil, novo Membro de Honra de IURISGAMA

A Casa de Galicia acolleu o acto tributado ao presidente máis novo da banca española
Madrid, 13 de maio de 2014

A delegación da Xunta en Madrid, Casa de Galicia, foi o escenario elixido pola Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (IURISGAMA) para o nomeamento como Membro de Honra concedida ao presidente do Banco Popular, o santiagués Ángel Ron Güimil, o máis novo da banca española.

Na mesa estaban o presidente do Consello de Estado, premio Montero Ríos, e tamén membro de Honra de IURISGAMA, José Manuel Romay Beccaría; o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López; o presidente do Banco Popular, Ángel Ron Güimil; a viceconselleira de Xustiza e Administracións Públicas da Comunidade de Madrid, Elena González Moñux; e o presidente da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (IURISGAMA), avogado e catedrático de Dereito Mercantil da Universidade Complutense de Madrid, Carlos Lema Devesa.

Entre os asistentes encontrábanse, entre outras ilustres personalidades, Parada Vázquez, Rodríguez Mourullo, o prior do Mosteiro de Samos, presidentes e membros das distintas asociacións galegas en Madrid culturais e profesionais, así como familiares e amigos que se desprazaron ex profeso dende Galicia, Valencia, Cataluña, Aragón e Andalucía.

Nas súas palabras, tras os saúdos e agradecementos, Ónega sinalou que "Ángel Ron impresiona pola súa sinxeleza, a súa calidade humana e a súa simpatía" (cualificativos nos que máis tarde coincidiría Lema Devesa). Ademais, "non hai máis que estreitar a súa man para saber que non só estamos ante un alto executivo da banca española senón, sobre todo, dun ser humano excepcional", dixo o delegado da Xunta en Madrid.

Pola súa banda, Lema Devesa destacou algúns aspectos da traxectoria vital de Ron Güimil, especialmente a persoal, que non figura en nos cv oficiais. Así recordou ao avó Nemesio Ron, ao que Ángel non chegou a coñecer, que rexentaba un almacén, fábrica de chocolates e torrador de café no "camiño novo" en Santiago; ao seu pai "D. Aurelio Ron Ares que traballaba no Banco Fillos de Olímpio Pérez, sucesores de Fillos de Pérez Sáenz, unha Banca moi coñecida e dun crédito superior", que logo se chamaría Banco Galego. Evocou a súa infancia e adolescencia en Santiago, o seu curso de COU na Salle co mellor expediente da súa promoción e os encontros de "unha rapaza do curso chamada Pilar" co "rapaz de ollos azuis, que cando chovía, sempre levaba o paraugas na man, en contra do vello dito de que un banqueiro é un señor que che presta un paraugas cando fai sol e quítacho cando chove". Optou por estudar Dereito aínda que dubidaba con Económicas e malia os consellos paternos vinculouse xa en cuarto de carreira co mundo bancario tras unha substitución de verán, "onde tanto o Director dos servizos xurídicos, como o Xefe rexional, lle ofreceron quedar a traballar á vista do seu intelixente e infatigable labor", no Banco Popular no que foi escalando postos ata o máis alto.

Ángel Ron recibiu a placa que o distingue como Membro de Honra de IURISGAMA, e manifestou o seu "agredecemento de corazón", polo recoñecemento de IRUSGAMA, á que tamén agradeceu o gran labor que realiza en Madrid dende a súa fundación en 1996, e que "nos mantén vinculados á nosa Galicia". No seu discurso falou tamén dos fundamentos do Dereito sobre a seguridade xurídica, "clave para conseguir tanto o progreso económico coma o social". "As normas teñen que ser claras, predicibles no tempo e axustadas aos seus fins", dixo, e cómo "a sobrerregulación no sistema financeiro pode facer máis difícil a recuperación económica".

A clausura correu a cargo de Romay Beccaría quen fixo un breve resumo da ampla traxectoria dos intervenientes, "exemplos do nivel destes actos que acolle a Casa": un escritor e unha das persoas que máis sabe en España dos xudeus, en referencia a Ónega; Lema Devesa como claro expoñente da potencia exportadora galega de catedráticos a Madrid; ou a capacidade máis que demostrada de Ron, como proba xa doutros tempos, lonxe dos que en Galicia só se podía estudar para avogado, cura, ou médico, "preitos, pecados e enfermos", dixo con humor.

As notas do himno galego puxeron punto final ao emotivo evento.

 

Ángel Ron naceu en Santiago de Compostela en 1962 e é Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago. Na actualidade é presidente do Banco Popular Español, o terceiro grupo bancario nacional por capitalización, accedendo ao cargo como o presidente máis novo da banca española.

A súa relación coa entidade que agora preside, comezou no ano 1984, cando tan só tiña 22 anos, e entrou a formar parte da Dirección Rexional de Galicia.

En 1989 foi nomeado Director Xeral da Caixa Cooperativa de Promoción e Crédito, un banco de aforro especializado en microcréditos. En 1991 pasou a desempeñar a mesma responsabilidade no Banco de Depósitos ata 1995. A finais dese ano foi nomeado Director Rexional de Asturias-Cantabria.

Ángel Ron volveu marcar o fito de ser o empregado máis novo en alcanzar tal responsabilidade, administrando un negocio de 2.000 millóns de euros, 52 sucursais e arredor duns 300 empregados.

No ano 1998 dá o salto definitivo a Madrid, cando ao ser nomeado Director Xeral da Rede Comercial do Grupo, incluíndo os 5 bancos rexionais, así como todas as sociedades financeiras dependentes deste, levando a cabo a definición e implementación da estratexia comercial.

En marzo de 2002, Anxo Ron foi Conselleiro Delegado e dous anos despois, presidente Executivo do Grupo Banco Popular, para aceptar en 2006 a presidencia do Consello de Administración.

Baixo a súa presidencia adquiriuse o Banco Nacional de Crédito (BNC) e materializouse a entrada no mercado estadounidense coa compra de Totalbank en 2007. O 'Plan Suma', polo que a entidade que preside se comprometía a alcanzar un beneficio neto superior aos 1.000 millóns de euros en tres anos, foi outro dos grandes obxectivos alcanzados.

Ángel Ron é ademais membro de: Internacional Advisory Board de Allianz; Institut International D'Etudes Bancaires; Internacional Monetary Conference; Padroado da Fundación Príncipe de Asturias; Fundación Universitaria Comillas; Fundación de Axuda contra a Drogadicción e Fundación de Estudios de Economía Aplicada FEDEA.

Na foto do pousado están de esquerda a dereita:José Ramón Ónega López, delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia; Elena González Moñux, viceconselleira de Xustiza e Administracións Públicas da Comunidade de Madrid; José Manuel Romay Beccaría, presidente do Consello de Estado; Ángel Ron Güimil, presidente do Banco Popular; e Carlos Lema Devesa, presidente da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid (IURISGAMA), avogado e catedrático de Dereito Mercantil da Universidade Complutense de Madrid.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes