Juan Luís Beceiro pronunciou na Casa de Galicia en Madrid a conferencia "A lenda negra do xenocidio americano"

O historiador e escritor ferrolán mantén a tese de que a conquista supuxo un labor civilizador e non colonizador
Madrid, 27 de marzo de 2017

A Casa de Galicia, Delegación da Xunta en Madrid acolleu esta tarde a conferencia "A lenda negra do xenocidio americano" que ofreceu o historiador e escritor ferrolán Juan Luís Beceiro García, autor de numerosas obras, especialmente sobre a colonización hispanoamericana, nas que do mesmo xeito que no relatorio de hoxe mantén a tese de que "a conquista do continente americano por parte da Coroa Española non supuxo ningún xenocidio, xa que foi un labor civilizador e non colonizador".

A presentación do orador correu a cargo do coordinador de Actividades Culturais, Ramón Jiménez, -quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega-, e nas súas palabras lembrou que Juan Luís Beceiro é experto en temas hispanoamericanos. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Salamanca na que foi axudante de Cátedra de Dereito Internacional, e onde estableceu os primeiros contactos co mundo hispanoamericano, con estudantes procedentes de Colombia, Porto Rico, Nicaragua, Bolivia e Venezuela  que alargaron o seu horizonte cultural hispánico. Tamén  visitou diferentes países europeos como Francia, Italia, Irlanda, Portugal e Gran Bretaña (onde gozou dunha bolsa na Universidade de Saint Andrews, en Escocia, para a realización de estudos de lingua inglesa). Ademais,  Beceiro é autor do libro titulado A mentira histórica desvelada, que entronca esencialmente coa súa conferencia, na que "a lenda negra non é senón o relato desfavorable sobre España e o seu pasado que os españois, nunha gran maioría, aceptaron sen máis, quizá, como apuntan algúns autores, por un problema de autoestima".

Pola súa banda Beceiro destacou algúns puntos que quixo deixar claros na súa disertación. En primeiro lugar que "Non se poden considerar actos de xenocidio os decesos producidos nas loitas contra os indíxenas, tal e como reza a doutrina da ONU". Tamén que "As leis de Indias constitúen un monumento xurídico inigualable e son, por iso, motivo de orgullo para España, único país do mundo protector dos indíxenas", e que "o descoñecemento de nosas propias glorias facilita a colonización cultural á que estamos sometidos en España por parte do mundo anglosaxón". Engadiu que segundo o hispanista francés Jean Dumont, "se España e Portugal se pasaran á Reforma e aplicaran os mesmos principios dos puritanos de América do Norte, houbese un inmenso xenocidio que borraría do mapamundi á totalidade dos pobos indios". Segundo o conferenciante, "non hai un só historiador responsable que afirme que España cometeu xenocidio en América", e foron "os inimigos de España quenes idearon a Lenda negra, (incluíndo o xenocidio americano) porque non podían destruír o Imperio español, o máis grande existente e de maior duración". E por se iso fose pouco, "os países hispanoamericanos, recentemente chegados á independencia, a principios do século XIX, si asasinaron de maneira inmisericorde aos seus propios indíxenas". Incluso a Inquisición española en América, aínda que actuou contra os brancos, mestizos e negros, non o fixo contra os indíxenas porque os consideraba menores de idade e polo tanto sen responsabilidade.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes