Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O conselleiro de Sanidade avogou por un gran pacto que traia ao sistema sanitario estabilidade

Nunha conferencia que pronunciou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia
Madrid, 22 de xuño de 2017.

A reorientación do sistema pasa -dixo Jesús Vázquez Almuiña- pola integración da atención primaria, a atención especializada, a prevención primaria, secundaria e terciaria, a política social, a educación, a sociedade civil e a sanidade privada.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, pronunciou hoxe, na delegación da Xunta en Madrid, a conferencia titulada: "O modelo sanitario galego", dentro do ciclo Medicina e Humanidades que coordina a Asociación de Médicos Galegos (Asomega).

 

Na súa disertación, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego avogou por superar localismos e por un gran pacto político sindical que traia ao sistema sanitario estabilidade; incentivos, non só económicos; flexibilidade e recuperación do talento. Tamén avogou por un gran pacto social que supoña información e transparencia, formación, e toma de decisións; e por un pacto profesional, con implicación nos cambios e innovación, con melloras en incentivos, con máis formación e con máis investigación.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego fixo unha análise da situación da comunidade galega, con 28.800 núcleos de poboación e 313 municipios, e describiu a evolución da poboación galega dende o ano 2000 ata a actualidade, cun descenso no número de persoas menores de 65 anos dun 4,61% e, pola contra, un aumento do 38% da poboación maior de 74 anos dende o 2000.

Tamén referiu o conselleiro que a esperanza de vida na nosa comunidade pasou dos 73,3 anos en 1975 aos 82,8 do 2013. Así mesmo, a mortalidade infantil reduciuse do 18,9 por mil ao actual 3,1.

Por tanto, seguindo coa análise da situación, Almuiña referiu que o patrón epidemiolóxico galego está composto por un aumento da poboación maior de 65 anos (poboación moi envellecida), o que da lugar a un incremento das enfermidades crónicas (80% das consultas en atención primaria e o 60% dos ingresos), a un aumento da utilización dos servicios sanitarios (o 5% da poboación consume o 50% dos recursos) e a un maior consumo de medicamentos.

En consecuencia, é necesario, -dixo o conselleiro-, organizar un sistema que saiba xestionar a comorbilidade e non só a xestión dunha enfermidade á vez, xa que o 35% das persoas con máis de 80 anos teñen dúas ou máis enfermidades crónicas.

Destacou, igualmente, que o investimento en Sanidade supón na actualidade o 42% da capacidade de gasto da Xunta de Galicia.

Insistiu, tamén, na importancia de reorientar o sistema cara a unha transformación dixital, e puxo como exemplos algunhas das medidas postas en marcha en Galicia neste campo, como a Plataforma É-Saúde, o programa Telea ou a consulta telefónica en atención primaria.

En definitiva -dixo o conselleiro- a reorientación do sistema pasa pola integración da atención primaria; a atención especializada; a prevención primaria, secundaria e terciaria; a política social; a educación; a sociedade civil e a sanidade privada.

A presentación da intervención do conselleiro de Sanidade correu a cargo do presidente de Asomega, Julio Ancochea Bermúdez, e do presidente de Previsión Sanitaria Nacional (PSN), Miguel Carrero López, sendo o conductor do acto, o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega López, quen dixo que a Delegación da Xunta en Madrid recibía neste acto a un gremio de alta significación como é o dos médicos. Así mesmo, agradeceu a presencia de José Manuel Romay Beccaría, presidente do Consello de Estado e ex-ministro de Sanidade, que presidiu e pechou o acto.

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes