As enfermidades infecciosas na historia do Camiño de Santiago, obxeto dunha conferencia na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia

Ofrecida polo doutor mindoniense José María Eiros Bouza, catedrático de Microbiología da Universidade de Valladolid e xefe do Servizo de Microbiología e Parasitología do Hospital Universitario Río Hortega de Valladolid
Madrid, 11 de decembro de 2017.

Tres enfermidades infecciosas destacaron na traxectoria secular do Camiño de Santiago, a lepra, a peste e a chamada "lume de San Antón", e a gran pandemia ao longo da súa cronoloxía foi a peste que tivo lugar a finais do século XV e principios do XVI, unha enfermidade que na actualidade está vixente nalgúns países, como Madagascar. Así se expuxo esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia na conferencia "As enfermidades infecciosas no Camiño de Santiago", ofrecida polo doutor mindoniense José María Eiros Bouza, catedrático de Microbiología da Universidade de Valladolid e xefe do Servizo de Microbiología e Parasitología do Hospital Universitario Río Hortega de Valladolid.

A conferencia enmárcase no ciclo "Medicina e Humanidades" que a Asociación de Médicos Galegos en Madrid (Asomega) vén desenvolvendo desde o pasado mes de abril en colaboración con Previsión Sanitaria Nacional. Ademais do conferenciante, interviñeron no acto a vicepresidenta de Asomega, Inmaculada Ramos, o presidente de Asomega e director e coordinador do ciclo, Julio Ancochea, o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, que pechou o acto, e o delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López. Entre os asistentes achábanse numerosos médicos, membros de Asomega, e o deputado por Lugo Jaime Eduardo de Olano.

Ónega apreciou que a presenza de Romay Beccaría neste acto "cobra maior significado polo feito de que don José Manuel foi ministro de Sanidade e tivo responsabilidades así mesmo de orde sanitaria noutros cargos na Xunta de Galicia" e que a conferencia de Eiros ofrecía unha perspectiva de tres temas relevantes, "a Historia, a Medicina e o Camiño de Santiago". "Desde os albores da Humanidade os homes padeceron enfermidade e curáronlla os bruxos, os sanadores e os médicos. Por iso sempre a Medicina será sacra e os médicos os sacerdotes da saúde", valorou.

Eiros explicou que desde o punto de vista documental hai dúas grandes estratexias para saber o que en enfermidades infecciosas ocorreu no Camiño de Santiago ao longo da súa historia: investigar en códices, anais e outras fontes como os enterramentos e arquivos e realizar "arqueoloxía molecular" investigando os xenomas de bacterias, virus, fungos e parasitos en restos e xacementos, un estudo que se está realizando en enterramentos e que o conferenciante considera que debese ser impulsado por todas as asociacións. Os coidados que recibían os pacientes e as condicións nas que se lles permitía circular tamén son obxecto de interese nos seus estudos.

Ancochea lembrou que o obxectivo deste ciclo de conferencias "é poñer de manifesto a necesaria unión entre a disciplina científica médica e a humanística para un óptimo desenvolvemento da Medicina en beneficio da sociedade" e que naceu "como foro de pensamento e debate" no que reunir a profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da Medicina que, asegura, para os médicos de Asomega é "ciencia, arte, pensamento e sentimento". Anunciou ademais que o ciclo se prolongará durante o próximo ano, e sinalou que a desta tarde pecha as actividades de Asomega de 2017, calendario que despediu recitando unha panxoliña.

Inmaculada Ramos presentou ao conferenciante, resaltando, ademais do seu currículo, que é un home carismático e gran comunicador que sente profundamente a Galicia. Eiros Bouza é doutor en Medicina e Cirurxía e especialista en Microbiología e Parasitología vía MIR no Hospital Clínico Universitario de Valladolid, catedrático de Microbiología na Facultade de Medicina da Universidade de Valladolid (UVA) e xefe de Servizo de Microbiología do Hospital Universitario Río Hortega. As súas áreas de interese son a epidemiología, diagnóstico e resposta inmunitaria ás enfermidades infecciosas víricas e bacterianas de impacto sanitario e o emprego de antimicrobianos, nas que se acha integrado en diferentes grupos de investigación do Sacyl e a UVA. É autor de 148 libros, 514 artigos científicos e 762 comunicacións e/ou relatorios en Congresos.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes