Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

A actriz pontevedresa Mercedes Castro e o guitarrista David González ofreceron o espectáculo "Contando con Roald Dahl"

Con motivo do centenario do nacemento do escritor británico
Madrid, 14 de setembro de 2016.

Con motivo do centenario do nacemento do escritor británico Roald Dahl, o dúo composto pola actriz pontevedresa Mercedes Castro e o guitarrista David González ofreceu hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia o espectáculo de música e voz "Contando con Roald Dahl", no que se lembrou a figura e obra do escritor. Dous das súas narracións, "Desexo" e "Cordeiro asado" chegaron ata o público a través da voz de Castro e a guitarra de González e potenciadas polas imaxes creadas para a ocasión polo videoartista Eduardo Yagüe, a música tamén composta para este proxecto polo músico Jorge M. González, o labor documentalista de Ana Martín Puigpelat e a de produción de Ustapiti.

Foi presentado polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López, e o coordinador de Actividades Culturais da institución, Ramón Jiménez. Ónega explicou que o espectáculo nos mergullaba no universo surrealista e subversivo de Dahl e na fascinación que producen as súas narracións, así como que se dividía en tres partes: "Desexo", "Roald Dahl", sobre a figura do escritor, e "Cordeiro asado". Tamén enxalzou a traxectoria académica e profesional de Mercedes Castro, actriz con máis de 25 anos de profesión nos que alternou teatro, cinema e televisión, referindo algúns dos seus traballos máis destacados.

Jiménez lembrou que Roald Dahl é coñecido fundamentalmente polos seus contos, tanto infantís como para adultos, e que a actriz que nos traía o seu recordo, Mercedes Castro, visitou varias veces cos seus espectáculos a Casa, na que presentou "Traia versos a guitarra: Suite Platero e eu", en 2011, e "Perfís", en 2015.

Previamente á representación, Castro resaltou que tanto a música como as imaxes, poéticas e suxestivas, foron compostas para esta obra, de "textos moi vivos", á vez que enxalzou a figura de Dahl, "un tipo moi interesante en todos os sentidos", cuxas obras son moi coñecidas aínda que ás veces non se coñeza a súa autoría. Apuntou tamén que este espectáculo segue a liña comezada polo dúo Castro-González con motivo da homenaxe a Juan Ramón Jiménez, cunha serie de concertos sobre as súas obras iniciada con "Platero y yo".

Roald Dahl é autor dunha inxente obra producida para o goce dos nenos: "Matilda", "Os gremlins", "As bruxas", "Charlie e a fábrica de chocolate", "Contos en verso para nenos perversos", "Os cretinos", etc. Tamén de narracións para adultos que non desmerecen a súa fama, como a novela "O meu tío Oswald" e as biografías "Boy" e "Voando só". Ademais, Dahl tivo unha gran relación co cinema e realizou, entre outros, o guión da película de James Bond "Só vívese dúas veces".

Mercedes Castro ten un amplísimo currículo académico e artístico. É licenciada en Filoloxía Hispánica e Galego-portugués pola Universidade de Santiago de Compostela, diplomada en interpretación pola Real Escuela Superior de Arte Dramático (RESAD) e tamén se formou no Estudo de Juan Carlos Corazza de Madrid. En cinema, destaca a súa participación en producións como "Los fantasmas de Goya", de Milos Forman, "Vientos de agua", de Juan José Campanella, "Camino", de Javier Fesser, e "Flores de otro mundo", de Itziar Bollain; en teatro, nas de "Cocina", dirixida por Will Keen, e "Heridas que contienen cuerpos extraños", por José Sanchís e Fitos Furtado; e en televisión, en series como "Aguila Roja" e "Cuéntame". Foi nomeada dúas veces como mellor actriz de repartición nos Premios da Unión de Actores polo seu traballo en "Noche de Reyes" e "Mucho ruido y pocas nueces". Actualmente intepreta a Noelia na serie "Pazo de familia", de TVG, e forma parte da repartición de "Centro Médico", de La Una de TVE.

David González é profesor superior de guitarra polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e reputado vihuelista. Foi bolseiro en 2003 co número uno polas prestixiosas escolas neoiorquinas Mannes College of Music e Manhattan School of Music, realizou unha xira de concertos con Vasko Vassilev e os Solitas do Covent Garden, gravou con Monteserrat Caballé os discos "Música medieval y del Renacimiento español para voz y vihuela" e "La canción romántica española" e publicou varios discos como solista e xunto a outros artistas. O último deles, "Clavileño", xunto ao guitarrista flamenco José Luis Montón e Carolina Pozuelo estréase proximamente en Teatros del Canal, en Madrid.

Eduardo Yagüe, videoartista de proxección internacional, firma entre outros os traballos "4th International Vídeo Poetry Festival", "Visible Verse Festival 2015", "Zumo de vídeo", "Sinestesia" e "Fifth under the subway video art night".

Jorge M. González ten o Premio Extraordinario Fin de Carreira e Primeiro Premio do XIX Concurso de Composición de Guitarra Clásica "Andrés Segovia" pola súa obra "Cromático" e foi semifinalista no Concurso de Composición Michele Pittaluga co seu cuarteto de guitarra "Pospettiva". Estreou "Tres relatos", "Rítmico", "Variaciones sobre o gloriosa domina", "Homenaje a Luis de Pablo" e "Toru".

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes