A Casa de Galicia en Madrid acolle durante o mes de abril a exposición de pintura de Dolores Guerrero

A mostra da artista, filóloga e poeta lucense, foi presentada por Rosa Martínez de Lahidalga, presidenta da Asociación Española de Pintores e Escultores
Madrid, 4 de abril de 2017

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolle ata o 28 de abril a exposición de pintura "Alboradas", da artista, filóloga e poeta lucense, Dolores Guerrero, cuxa inauguración se realizou hoxe e correu a cargo da presidenta da Asociación Española de Pintores e Escultores, Rosa Martínez de Lahidalga. Na mostra Guerrero ofrece na súa obra a súa persoal interpretación do mundo, sempre en clave poética, suxestiva e intimista, realizada cunha técnica impecable, de coidada e esmerada factura. Os seus lenzos están cheos de gradacións tonais, e especialmente de matices líricos de brancos, violetas, verdes e ocres.

No acto interviñeron tamén o coordinador de Actividades Culturais da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, -quen o fixo en nome do delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega-, e a propia autora, Dolores Guerrero.

Para Jiménez, "como Italo Calvino nas súas cidades invisibles, Dolores Guerrero construíu os seus mares e ceos invisibles e móstranolos agora con toda a forza da súa arte". Explicou que "son mares e ceos cheos de bondade e de poesía, polos que a nosa mirada pode voar como o faría a pluma do á dun anxo". Destacou ademais os títulos dos cadros "que nos alongan a alma, liberándoa así das pequeneces da vida: en paz, tranquilidade, inmensidade, ceo branco, montañas, onda no ceo, auga azul castelos no ceo" en fin palabras todas que se entrelazan nunha escaleira pola que elevarnos cara ao sublime", sinalou.

Para Martínez de Lahidalga, "Dolores trae desde a súa terra, prendidos nos seus lenzos, xiróns de miradas ao mar, voos ao branco e atmosferas que a auga arrola ata facer delas un aleteo tan sutil como intenso". Tamén resaltou que nos seus cadros "reflíctese unha natureza que a luz e a cor tornan ingrávida e etérea. Sobre a auga azul, brancos e verdes compasan o seu encontro; no Día de choiva, a pincelada serpentea sobre a liña dun horizonte inabarcable".

Pola súa banda, Dolores Guerrero, quen xa realizou outra exposición na Casa fai preto de dez anos, dixo en relación aos seus cadros que "son reflexo dos soños, sentimentos e ilusións". Engadiu que a natureza está na base de todas as súas obras. Pero é unha natureza "transustanciada, idealizada, desposuída de elementos superfluos". Para a pintora, o ceo, a auga ou as montañas bástanse por si mesmas para encher un espazo. É un espazo limpo no que desapareceron as aves, as árbores ou os peixes; porque "ás veces non fai falta mostralo todo senón que hai que deixar que o observador imaxine e participe" para chegar a sentir o que o autor quixo expresar. "Soño paisaxes cos que reflectir estados de ánimo, alegría, nostalxia, paz, tranquilidade, denuncia... e aínda que o libre albedrío existe, tamén está esa forza que che arrastra contra a que non queres loitar porque no fondo atráeche iresistiblemente. Esa forza é a arte", subliñou. "A pintura é unha arte que leva implícitas moitas emocións e eu quixese que a miña pintura emocionáselles", dixo.

A exposición, cuxas obras ocuparán a sala A de o edificio, poderá verse ata o 28 de abril, en horario de: laborables de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes