DescargaMedios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

O artista alemán Detlef Kappeler expón a mostra pictórica "Costa da Morte" na Casa de Galicia en Madrid

Foi organizada en colaboración coa Embaixada de Alemaña
6 de maio de 2013

  Detlef Kappeler, artista e catedrático alemán residente en Galicia inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a súa exposición de pintura "Costa da Morte", organizada coa colaboración da Embaixada de Alemaña en España, que poderá verse ata o próximo día 31. No acto interviñeron, ademais do pintor, o embaixador da República Federal de Alemaña, Reinhard Silberberg, o doutor en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid e profesor na Universidade de Vigo Antón Castro e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid/director da Casa Galicia, José Ramón Ónega.

Madrid, 6 de maio de 2013. - Detlef Kappeler, artista e catedrático alemán residente en Galicia inaugurou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a súa exposición de pintura "Costa da Morte", organizada coa colaboración da Embaixada de Alemaña en España, que poderá verse ata o próximo día 31. No acto interviñeron, ademais do pintor, o embaixador da República Federal de Alemaña, Reinhard Silberberg, o doutor en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid e profesor na Universidade de Vigo Antón Castro e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid/director da Casa Galicia, José Ramón Ónega.

Silberberg destacou a vinculación de Kappeler con Galicia, pois vive e traballa dende hai anos en Muxía, e o feito de que esta presentación en Madrid das obras que creou na Costa da Morte producísese en colaboración entre a Embaixada alemá e a Delegación da Xunta, unha "colaboración harmoniosa e construtiva" que, resaltou, "é outro excelente exemplo da intensidade e diversidade" "na colaboración cultural entre Galicia e a República Federal de Alemaña".

Observou así mesmo que "as pinturas de Kappeler están cheas de movemento, son imprevisibles e dramáticas, como o Atlántico e a paisaxe de Galicia. Expresan a busca e a inquietude dun artista que se inmisce e que entende a arte como un acompañante crítico". Tamén apreciou que ten que ver moito coa biografía do pintor, que inclúe a vivencia da Segunda Guerra Mundial na súa infancia.

O delegado da Xunta deu a benvida aos numerosos convidados que se reuniron na Casa con motivo da inauguración da exposición e referiuse a Kappeler como un creador de beleza que achou inspiración en Galicia e no Atlántico. Destacou tamén a percepción de que para este autor a arte é unha arma para interpretar o mundo e transmitir unha vinculación coa natureza.

Segundo Castro, Kappeler asumiu dende hai uns anos "a conciencia mítica dun dos Finisterres atlánticos máis ligados ao xermanismo romántico, Muxía, un territorio cultural de vellos mariños, na Costa da Morte, no que diluíu, en termos pictóricos, unha tradición que casa a Hölderlin, Rosalía e ao Lorca del Romancero e Poeta en New York. A todos os fixo carne de pintura en xestos críticos".

Recordou que Kappeler ten un amplo pasado artístico, de máis de cincuenta anos nos que pasou por diversos estilos. Cada cadro pode ser un berro simbólico emitido dende a atalaia que lle permite o seu coñecemento da condición humana, para facernos partícipes do seu teatro do mundo, a través dos problemas que el percibe como sensacións contraditorias da vida. Este é o seu espazo conceptual e o territorio do cadro é unha radiografía que oculta sentimentos e berros, que revela a natureza e fonde o drama e a solución deste, pero lanza miles de preguntas para comprometerse cos seus semellantes", valora, afirmando que "Kappeler recupera o significado da pintura dende posicións abstractas, dende a poética do xesto e da acción, dende a corporalidade que centra o empeño da arte entre a vida que lle tocou vivir e quere interpretar, e a linguaxe que ideou para narralo. E así o percibimos na súa últimas obras, soflamas e poemas incendiarios dunha forte xestualidade lírica".

Kappeler preferiu que fosen as súas pinturas as que falaran por el. "Vivo coas miñas contradicións, comigo, coa natureza e cos seres humanos", manifestou non obstante, valorando que, "con fantasía, se pode ver todo no Atlántico" e que falta amizade por parte dos seres humanos coa natureza.

"Na exposición ´ Costa da Morte ´ presento obras novas, creadas en Galicia. Son a miña forma de interpretación dos acontecementos actuais: reflexións, a penetración da realidade para pintar a vida nas súas contradicións, encontrándome deste xeito nunha constante busca", reflexiona o artista, para quen os seus cadros "son composicións abertas, ás veces concretas, ás veces máis abstractas".

Kappeler viviu a Segunda Guerra Mundial sendo neno en Polonia e di que os recordos daquela época inflúen nas súas obras ata o día de hoxe e están presentes en moitas delas. No seu camiño como artista realizou exposicións e proxectos en diferentes países como Alemaña, España, Polonia, Francia, entre outros sitios. Paralelamente á súa carreira como artista plástico desenvolveu un extenso labor como catedrático cos estudantes da Facultade de Arquitectura da Universidade de Hannover. Na actualidade traballa nos seus talleres en Alemaña e Costa da Morte.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes