O escultor coruñés Miguel Couto expón na Casa de Galicia a retrospectiva "dous mil dezanove" de esculturas en bronce

De estilizadas pezas de tamaño menor e medio
Madrid, 5 de xuño de 2019.

O escultor coruñés (Malpica de Bergantiños, 1971) Miguel Couto exhibe ata o próximo día 28 na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a mostra de esculturas en bronce "dous mil dezanove", unha retrospectiva (2008-2018) de estilizadas pezas de tamaño menor e medio. Acompañou ao escultor na inauguración da exposición o coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez, quen interveu en representación do delegado e director da mesma, José Ramón Ónega.

Jiménez precisou que a exposición se titula "´dous mil dezanove´, en castelán ´dos mil diecinueve´, coas iniciais en minúsculas". "O historiador da Arte David Ferreras, que prologa o catálogo que elaboramos para a ocasión, emparenta a Couto con Brancusi, e ten razón; a min os grupos escultóricos lémbranme ás figuras medio desfeitas de Giacometti, dunha gran expresividade con todo a súa fraxilidade. E desde logo, as enlazadas polos ombreiros tráenme inmediatamente á memoria o famoso ´Abrazo´ de Juan Genovés, de gran formato, instalado na Praza de Antón Martín desta cidade de Madrid", apreciou.

Sobre a súa obra, o artista explicou que "as referencias que recollo son moi diferentes, vivenciais, afectivas a maioría, pero quero pensar que conto historias de bronce, case sempre amables, pero coa forza que dá o volume, ao que sempre teño en conta e do que quero sacar todo o seu potencial en forma de espazo e curva, dúas variables que trato de ter en conta". Respecto a a creación en si, Couto manifestou que "hai un momento inicial no que prima a cabeza, aínda que máis adiante, a peza dá un paso por diante de min. Esas son as boas".

David Ferreras Pernas, o historiador de Arte que asina o prólogo do catálogo da mostra afirma nel que na sinceridade do traballo de Couto "respira a modernidade do que se asenta nun clasicismo eterno" e que nela "exhíbense as últimas series de Couto (en feminino) como o froito dun momento de inspiración na tradición máis purista". "Asistimos a un proceso de construción en barro e unha posterior fundición, que veñen ser experiencias maxistrais ao servizo dun resultado estético e estetizante. Couto tutela a xénese de principio a fin, cun modelado monumental do que coñece todas as reviravoltas, e unha fundición final que supón o entreacto dun froito fascinante, onde as figuras son alongadas ou acurtadas mediante baleirados e claroscuros, para afastarse, abrazarse ou illarse", explica, apreciando que "a harmonía dos seus grupos escultóricos é dunha sinxeleza espontánea pero milimétrica" e que "os seus personaxes están xuntos pero separados na súa unicidade e autonomía".

Non en balde, Couto conta cunha fundición de bronce para uso persoal en Arteixo. "Son un dos poucos escultores que a ten", sinala o escultor, que ten instaladas 22 obras públicas en Galicia e unha en Barcelona.

Manuel Couto formouse no ambito da empresa e desenvolveu no ano 2000 o proxecto Taller de escultura Duna polo que obtivo a mención Lanza da Xunta de Galicia e recibiu o Premio Innova 2000 ao novo empresario. En Duna exerceu de socio e xerente ata que no 2007 comezou a modelar de maneira autodidacta sempre da man das súas socias de Duna (Beatriz Salcedo e Iria Rodríguez), Buciños e Emilio Celeiro. Tamén tivo un período de formación en Deba (País Vasco) para aprender a fundir bronce e montou unha fundición de bronce para uso persoal en Arteixo.

A mostra "dous mil dezanove" pode visitarse na Sala B da Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia ata o 28 de xuño inclusive; en horario, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes