Feijóo avanzou en FITUR un plan estratéxico para consolidar Galicia como destino internacional e reforzar o peso do turismo no PIB da comunidade

O titular da Xunta afirmou que a combinación de tradición e modernidade, natureza, patrimonio e Camiño de Santiago converten a Galicia nun lugar para visitar e volver
Madrid, FITUR, 20 de xaneiro de 2017

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe un Plan estratéxico do Turismo 2017-2020, unha iniciativa froito da colaboración co sector que marcará as liñas para consolidar Galicia como destino internacional e seguir reforzando o peso do turismo no PIB da comunidade.

Durante o acto de presentación de Turismo de Galicia en Fitur 2017, asegurou que para Galicia o turismo non é só un sector económico puxante, senón que se trata dunha actividade que "enriquece o noso día a día". "O turismo é un sector capaz de xerar 108.000 ocupados en 2015 e supón máis do 11% do PIB da comunidade. Pero tamén é a privilexiada xanela coa que nos asomamos ao mundo. Cada peregrino, cada turista, convértese en improvisado embaixador de Galicia", destacou.

Despois de resaltar que 2016 foi un ano especialmente positivo para o sector con 4,7 millóns de viaxeiros aloxados nos 11 primeiros meses, dos cales 1,3 millóns corresponden a viaxeiros internacionais, Feijóo fixo fincapé en que a Comunidade galega non sería un destino atractivo sen unha planificación estratéxica traballada.

Así mesmo, afirmou que a combinación de tradición e modernidade, a natureza en estado puro, o patrimonio, a conxugación do rural e urbano e o Camiño de Santiago converten Galicia nun lugar que visitar e ao que volver. "Galicia é capaz de ofrecer experiencias diversas e sempre garantindo o compromiso da calidade, como o acreditan os 281 establecementos que en 2016 obtiveron a Q de calidade", precisou.

Aínda que recoñeceu que o Camiño de Santiago é, probablemente, o sinal de identidade máis coñecido, o responsable autonómico subliñou que os amantes da natureza deberían marcar Galicia como destino prioritario no mapa. Ao respecto, destacou que para aproveitar a beleza da paisaxe poñeranse en marcha iniciativas como a Rede de miradoiros de Galicia ou as Rutas e sendas de Galicia; e na web Galicia Natural e Única, presentada no acto, recóllese toda a información da Rede de parques naturais da Comunidade.

Así mesmo, lembrou que aqueles que buscan coidarse teñen no termalismo un gran aliado, a través do Plan termal de Galicia e da posta en marcha do Plan de turismo de saúde. "E temos tamén unha ampla tradición no ámbito a enogastronomía", engadiu.

Coa mirada xa no Xacobeo 2021

No tocante ao Camiño, e coa mirada xa no Xacobeo 2021, Feijóo avanzou que para conmemorar neste 2017 os 30 anos desde que o Consello Europeo declarou Santiago de Compostela como primeiro itinerario cultural europeo, levará a cabo un programa específico de actividades. "E seguiremos ademais traballando conforme ás directrices do Plan director do Camiño de Santiago, que sinala que este ano estará especificamente dedicado a dúas rutas concretas: o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía, e dotando aos peregrinos das mellores condicións para emprender a súa viaxe a través do impulso da oferta pública de albergues", engadiu.

O responsable autonómico asegurou que Galicia leva séculos sendo a meta de moitos viaxeiros "e seguiremos traballando para que siga sendo un punto de encontro entre culturas, entre linguas e, en definitiva, entre persoas, non só de Europa senón de todo o mundo", dixo, incidindo en que o Camiño non é só unha ruta capaz de marcar a nosa xeografía, senón tamén o noso carácter.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes