A Casa de Galicia acolleu esta tarde a firma do Convenio de Colaboración Financeira de AEGAMA e o Banco Santander

O acordo inclúe produtos e servizos en condicións preferentes para os asociados en España e nos dez países nos que a entidade bancaria está presente
Madrid, 10 de abril de 2017

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta tarde a firma do Convenio de Colaboración Financeira entre a Asociación de Empresarios Galegos en Madrid, AEGAMA e o Banco Santander. O presidente de Aegama, Julio Lage e o director de Negocios e Pemes do Banco Santander en Madrid, Daniel Bezanilla, asinaron o acordo que inclúe produtos e servizos preferentes para os asociados, o que entre outros aspectos, vai contribuír a fomentar a exportación e importación das súas empresas nos países nos que a entidade ten oficinas,  especialmente en América Latina e zonas de USA de fala hispana.

Para Julio Lage, trátase de "un convenio de cooperación e axuda aos nosos socios polo que o banco ofrece os seus produtos, en condicións preferentes, e dada a súa ampla rede en moitas partes do mundo, pero fundamentalmente en Latinoamérica, teñen a oportunidade de apoiar aos nosos asociados e axudalos para que saian ao exterior". Lage explicouno cun exemplo: "Un empresario galego de AEGAMA que vaia a Latinoamérica vai atopar unha oficina do Banco Santander e este acordo dálle a capacidade de contar cunha axuda en todos os arranques e comezos do negocio alí". Engadiu ademais, que en moitas cidades hai asociacións coas que AEGAMA ten asinados acordos de reciprocidade o que tamén aos seus membros vai permitir beneficiarse deste Convenio nos mesmos termos, como ocorre en México, Chile, Brasil, Arxentina e en USA, especialmente en Miami, Nova York e Os Ánxeles.

Por parte do Santander, que tamén acudiron á Casa de Galicia, os directores de Oficina e Zona, José María Morillo e Óscar de la Sota, respectivamente, "este acordo vai máis aló das condicións financeiras" e pretende ser moito máis, porque persegue "o axudar á internacionalización das empresas nos países nos que o Santander está presente". Esa axuda sería "non só facilitando algo tan aparentemente simple como poida ser a apertura dunha conta, (que nalgúns lugares non o é tanto), senón tamén coa normativa, as entidades financeiras, e as posibilidades de contar con apoio local nas xestións e os trámites neses países, presentándolle clientes do Santander orientados ao seu negocio, provedores, e outras relacións profesionais beneficiosas".

O acordo firmado esta tarde pode beneficiar, de forma directa, a máis de 300 empresarios e tamén a quenes sendo membros doutras asociacións no exterior, teñen asinados convenios de reciprocidade con AEGAMA.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes