Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Homenaxe Poético-musical para conmemorar o ano de Celso Emilio Ferreiro

A Casa de Galicia acolleu o acto coral cos versos do poeta como protagonistas
Madrid, 9 de jullo de 2012

A conmemoración do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro promovido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chegou a Madrid cunha homenaxe poético musical que tivo lugar na Casa de Galicia e que pechou Amancio Prada.

No acto interviñeron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xesús Vázquez Abad; José Ramón Ónega López, delegado da Xunta en Madrid e director da Casa; Miguel Pastrana de Almeida, membro do Ateneo de Madrid; Luís Ferreiro Loredo, director da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do escritor homenaxeado; Álvaro Ballarín Valcárcel, concelleiro presidente do Distrito de Moncloa-Aravaca en Madrid; no que recitaron poemas do autor: Carlos Reigosa, escritor e xornalista, Martín Barreiro, meteorólogo de TVE; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo;  o académico e secretario xeral da Real Academia Española, Darío Villanueva; Carme Lamela, profesora de galego en Madrid; Antonio Mouriño, alcalde de Celanova, vila natal de Celso Emilio; e dos dos alumnos de galego en Madrid: Víctor Garabana Barro, enxeñeiro; Elena Urraca Villava Quintana, médica; Juan Antonio Rodríguez García, xeólogo; e Montserrat Gómez-Ogando Conde, empresaria.

Durante o acto, o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, destacou o  vínculo do escritor con Madrid durante a súa última etapa creativa. "En Madrid –dixo–, o poeta encontrou foros onde expresar a súa humanidade e o seu talento, e tribunas desde onde darlle unha parte do seu impulso final á construción da Galicia que hoxe coñecemos”. “Por iso a homenaxe que hoxe traemos á Casa de Galicia é tamén un acto de gratitude con esta cidade que vén ofrecendo na súa historia miles de oportunidades humanas; tamén a Celso Emilio F, tamén á poesía e á creatividade galegas”, asegurou o conselleiro. Pola súa banda, Ónega lembrou as verbas de Ugo Foscolo: “Os poetas  non comenzan a vivir ata que morren.  Celso Emilio Ferreiro non morreu: sigue vivo e vitalista  con nós”.

Etapa en Madrid

 

Madrid foi para Celso Emilio o lugar de acollida na súa última etapa vital, onde viviu a partir de 1973 na rúa Juan Bravo. Alí logrou difundir tamén en castelán a súa obra poética e comezou a darlles forma ás vivencias traídas de Venezuela, onde tamén medrou como escritor. No Ateneo de Madrid dirixiu a Aula de Cultura Galega, traballou como crítico literario en ABC e escribiu no xornal Arriba. Tamén redactou en Madrid páxinas de tanta autenticidade como as recollidas na súa novela breve A taberna do Galo.

Segundo asegurou Vázquez Abad na homenaxe, “os seus anos finais, de extraordinaria madureza intelectual e de asentamento da bagaxe dunha vida intensa, encontraron en Madrid o clima humano que necesitaba para pechar un ciclo, relativamente breve no tempo, pero cargado de vivencias importantes, para el e para a nosa forma de asumir a galeguidade”.

Os versos e a música de Amancio Prada puxeron o peche ao acto de homenaxe rendido o poeta ourensano en Madrid.

Madrid tamén foi o lugar da multitudinaria homenaxe que lle foi tributada o 3 de novembro de 1979, tras a súa morte, no Pazo dos Deportes.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter