A Fundación Barrié inicia hoxe na Casa de Galicia en Madrid a edición nacional do Programa Formativo Más Social

Durante as xornadas, profesionais do Terceiro Sector reciben formación sobre estratexia, liderado, comunicación, márketing, captación de fondos, xestión de proxectos...
Madrid, 21 de setembro de 2016

A Casa de Galicia/Delegación da Xunta en Madrid acolle a edición nacional do Programa Formativo Máis Social Fundación Barrié dirixido a confederacións nacionais do Terceiro Sector, con temas de estratexia e liderado orientado a resultados, comunicación e márketing, captación de fondos, xestión de proxectos e xestión de persoas... Na xornada inaugural, o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, deu a benvida á directora de Acción Social da Fundación, María Isabel Pérez e valorou moi positivamente este tipo de accións. "Desde a Casa sempre apoiaremos todas as iniciativas que supoñan progreso e proxección para Galicia e neste campo, a Fundación Barrié é un referente indiscutible", dixo. "Por tanto, vai ter sempre as portas abertas desta Institución".

Esta acción formativa, que consta de cinco módulos que se complementarán con xornadas de experiencias nas que participarán as entidades das diferentes confederacións nacionais convidadas, intégrase dentro de Máis Social, un programa propio da Fundación Barrié,  posto en marcha en Galicia no  2011 co obxectivo primordial de promover a sustentabilidade económica das entidades sociais mediante a mellora da súa xestión directiva. Os bos resultados en Galicia, animaron á Fundación para exportar a experiencia a nivel nacional.

Participan sete entidades nacionais do Terceiro Sector seleccionadas: CEAFA (Confederación Española de Alzheimer), CONFEDERACIÓN ASPACE (Confederación Española de organizacións de atención a persoas con parálise cerebral e afíns), FEDER (Federación Española de enfermidades raras), FEDACE (Federación española de dano cerebral), CONFAE (Confederación Asperger España), REDE ARAÑA (Rede Española de entidades para o emprego) e MÉDICOS DO MUNDO. Entre os participantes está o Director do Instituto de Innovación Social de ESADE, Ignasi Carreras, que  fala nesta xornada sobre Estratexia e liderado orientado a resultados.

Todas as sesións son impartidas por docentes expertos na súa materia e con ampla experiencia no sector. As xornadas acompañaranse de talleres nos que se expoñerán casos de éxito ou boas prácticas seleccionados entre as entidades participantes.

O orzamento estimado para o desenvolvemento completo deste programa piloto ascende aproximadamente a 700.000 Euros. Todos os servizos ofertados teñen carácter gratuíto para as confederacións participantes, que só deberán cubrir os seus gastos de desprazamento, se os houbese.

A Casa de Galicia acolle hoxe día 21 e mañá 22 de setembro, en horario de 8:30 a 19:30 horas, a celebración das dúas xornadas iniciais, e en outubro e novembro as seguintes.

A Fundación Barrié  é unha fundación galega privada, con patrimonio propio, constituída polo empresario Pedro Barrié en 1966, que traballa polo desenvolvemento social, cultural e económico de Galicia implementando proxectos innovadores nos seus catro principais áreas de actuación: cultura e patrimonio, ciencia, educación  e acción social.

Para ampliar información dirixirse a smihalic@fbarrie.org e www.fundacionbarrie.org

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes