Vicente Araguas presenta "74 saudades para ascender aos ceos", de Manuel de Vilanova, en edición bilingüe galego-castelán

Considerado o "testamento poético" do autor, recentemente falecido
Madrid, 30 de outubro de 2019.

O profesor, escritor, crítico e tradutor Vicente Araguas presentou hoxe na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o libro "74 saudades para ascender aos ceos"/"74 saudades para ascender aos ceos", o último poemario de Manuel Vilanova, recentemente falecido. O poemario, traducido por Araguas ao castelán, prologado por Manuel Forcadela e editado na colección de poesía de Pigmalión, é considerado o "testamento poético" do autor, ao que se rendeu homenaxe póstuma coa publicación e presentación da obra.

Interviñeron na presentación Vicente Araguas, o presidente do Grupo Editorial Sial- Pigmalión, Basilio Rodríguez Cañada, e o coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen o fixo en representación do delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega.

Jiménez explicou que cando a obra "estaba a piques de enviarse a imprenta produciuse o falecemento do seu autor, en marzo deste ano". "Impresiona o feito de que escribise estes 74 poemas aos seus 74 anos, coma se adiviñase o seu destino de broche final, de recapitulación existencial á súa brillante obra, considerada como renovadora da lírica galega contemporánea. De entre os seus poemarios, debe indicarse que o titulado ´E direivos eu do míster das cobras´, de 1980, adoita citarse como o máis innovador do xénero en Galicia", expuxo. Engadiu que Vilanova foi eloxiado por Álvaro Cunqueiro, por Varela Jácome e por Fernández del Riego, escribiu a súa obra en español e en galego e "marcou un cambio de rumbo fundamental na poesía galega".

Rodríguez Cañada lembrou que este é o último libro escrito polo poeta Manuel Vilanova e afirmou que se converteu no seu testamento poético. "Non hai que preocuparse pola morte / xa que non é máis que un soño / e acabar morrendo é un oficio…", recitou algúns dos seus versos. O editor afirmou que Vilanova, "nacido en Barbantes, Ourense en 1944 e falecido en marzo deste ano, é un dos grandes poetas galegos de todos os tempos". "Consciente de que o seu estado de saúde non ía darlle moito máis tempo, Manuel Vilanova despídese nesta obra de todo o que ama. Faio botando a vista atrás sen dor nin amargura. Volve ser o neno que tiña a vella cidade de Ourense como campo de xogos e que contemplaba o mundo por primeira vez", explicou. 74 poemas, 74 saudades ("Sinto nostalxia das voces dos meus amigos de pantalón curto…"), son, dixo, "evocacións do que non ha de volver, daquilo que converteu ao neno en home e ao home en poeta".

Araguas tamén abundou na idea de que este libro, "desgraciadamente póstumo, é o testamento poético de Manuel Vilanova, un dos poetas máis grandes de Galicia no últimos corenta anos". "Autor dunha obra ´de culto´ (os tempos lixeiros non poden dixerir tanta beleza, conceptual e formal, en todo o seu volume), Vilanova alcanza altura rayanas no místico. Este último libro é un canto emocionado a Ourense capital.Tamén a Barbantes, berce e camposanto de Manuel. Un libro doloroso e dolorido, que volve á nenez para retratarnos ao adulto reflexivo e namorado. Un libro inmenso", mantivo.

No Prólogo do libro, Forcadela expón que "aos seus setenta e catro anos", Manuel Vilanova "escribe un libro de setenta e catro poemas. Un libro que é unha recapitulación existencial e, por tanto, un axuste de contas co vivido. Trátase de dar unha ollada ao relato do camiño, xeralmente chamado autobiografía. Pero non esquezamos que estamos ante un dos máis grandes poetas que dese o noso país no seu milenio, xa sobrado, de existencia e que, por tanto, esta codificación do mundo, representado e percibido polos sentidos do autor non se producirá de maneira común. Máis ben, modificado pola orixinalidade da súa peculiar voz". Precisa ademais que é a serie de poemas "breves" máis extensa do poeta, que "de cando en cando ultrapasan a páxina e que son froito da contención, do comedimiento", e que neles a voz de Vilanova "sitúase nun tempo, a infancia, e nun lugar, Ourense, para revelarnos o mundo como un cosmos, como a organización perfecta da felicidade".

Manuel Vilanova (Barbantes, Ourense, 1944 – Vigo, Pontevedra, 2019). Cursou os seus estudos de bacharelato en dous internados de Vigo e Santiago. Estudou Filoloxía románica en Compostela, onde leu a súa tese de grao sobre a poética de Alberti. Foi profesor de métrica na mesma universidade e doutor pola UCM cun estudo sobre a soidade na obra de Cernuda. Colaborou con notas de crítica en Cadernos Hispanoamericanos e outras revistas. Exerceu o xornalismo ocasionalmente e por divertimento. Desde o ano 1975 ata a xubilación foi catedrático de Lingua e Literatura españolas en Vigo.

É autor de aproximadamente 1.300 poemas en galego e castelán. A súa poesía está recollida nos seguintes libros: Mejor el fuego (1972), El cazador de días (1977), A tarde chea de verán (1979), E direivos eu do mister das cobras (1980), A lenda das árbores de prata (1985, Premio da Crítica Galega), Casa para los ojos (1988), El quinto cáliz (1997), El corazón del pan (2002), A esmeralda branca (2006, Premio Nacional de la Crítica Española), Antonio das Mortes e a Muller de Verde (2010), Nin sequera no ceu (2011), Querido valle de lágrimas (2014), Un banco na Gran Vía (2016), Tres cantigas a Dionisio (2016, con grabados de Juan Carlos Ramos Dionis) y A substancia das horas (2017).

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes