Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentado na Casa de Galicia o libro "Restaurante Verruga: historias y recetas", que rememora o vivido no local lucense

A obra, escrita por Miluca Real Vázquez e Luis Latorre Real, contén o receitario do Verruga
Madrid, 23 de marzo de 2017.

Hai pouco máis dun ano, tras case 65 anos de servizo, que o Restaurante Verruga de Lugo pechou as súas portas por xubilación dos seus propietarios e hoxe presentouse na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia o libro "Restaurante Verruga: historias y recetas" que rememora o vivido no popular local lucense, polo que pasaron presidentes de goberno, como Adolfo Suárez, e artistas de renome, como o actor Charlton Heston. Unha obra de recordos que contén o receitario do Verruga e foi escrita por Miluca Real Vázquez e Luis Latorre Real, que tamén a editou, e prologada polo xornalista José María Carrascal. Unha parte dos beneficios que xeren as súas vendas destinaranse á Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (ASPNAIS).

No acto interviñeron Miluca Real Vázquez, Luis Latorre Real, o xornalista José María Carrascal e a coordinadora de Actividades Económicas da Casa, Ana Rodríguez, que o fixo en nome do delegado da Xunta de Galicia e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, tamén lucense.

Rodríguez apreciou que os autores do libro, "utilizando o local como protagonista, quixeron reflectir unha parte moi interesante da historia de Lugo e dos lucenses que foron clientes da casa". Resaltou así mesmo a gastronomía da provincia de Lugo como unha das súas grandes excelencias -así como de toda Galicia- que "permite imaxinar todas as cousas boas que rodean o acto para comer: as viaxes, a compañía dos amigos, o coñecemento de novas persoas e novos lugares".

Miluca Real Vázquez fixo un repaso pola traxectoria do restaurante, baseada na tradición culinaria galega e na calidade do produto. A historia do Verruga foi a da súa familia, a súa nai Emilia Vázquez -fundadora do restaurante xunto ao seu marido Cándido Real- e a do matrimonio formado pola propia Miluca e o seu esposo Luis Latorre, que estivo 40 anos vinculado ao negocio desde o mesmo día da súa voda.

Tivo un emocionado recordo para todo o persoal do Verruga que durante tantos anos colaborou no éxito do restaurante e fixo unha especial mención a Carlos Rodríguez, o que foi cociñeiro do prestixioso restaurante Currito da Casa de Campo de Madrid, mestre e amigo que axudou notablemente ao éxito do Verruga e á súa renovación.

Miluca fixo unha acesa defensa da cociña tradicional, da súa validez como cociña de calidade fronte ás modas, lexítimas, da chamada "nova cociña". "Ambas son perfectamente compatibles, pero hai que loitar contra esa idea preconcibida de que só a nova cociña reflicte calidade. A cociña de sempre, a tradicional das nosas nais e avoas é como mínimo igual de boa que as demais", subliñou.

Pola súa banda, Luis Latorre, fillo de Miluca e editor do libro, falou sobre as dificultades que un escritor afronta á hora de sacar á luz o seu "fillo cultural", da importancia que tivo, á hora de levar a cabo o proxecto, o apoio de José María Carrascal ao escribir o prólogo desinteresadamente e da vertente benéfica do libro, que colabora con ASPNAIS. Fixo por último un recordatorio da figura de Patiño, o gran pintor galego que fixo un cadro para o Verruga que ilustra a portada do libro.

Nai e fillo lembraron tamén anécdotas contidas no libro e mesmo algunha que tivo lugar durante a súa redacción e preparación. "Os meus avós e os meus pais dedicaron toda a súa vida a defender a boa mesa e o libro pretende ser un recordo desa entrega", apuntou Luis Latorre.

Carrascal, que viviu en Lugo durante anos na súa infancia, referiuse á dificultade que entraña destacar no ámbito no que o fixo o Restaurante Verruga, o da restauración de Lugo, debido á tradición, a oferta, a pericia e a competencia que nese campo reúne a cidade. Rememorou o local como punto de encontro e lugar de longas reunións ao redor da mesa e enxalzou a comida tradicional fronte a novas tendencias como "o resultado de facer os alimentos naturais o máis saborosos e dixestivos posible, realzando os seus sabores naturais sen que haxa maneira de confundilos". Tamén afirmou que na súa cociña "a verdade residía en poñer cada elemento no seu sitio, desde o pan ás sobremesas, debidamente acompañado".

"Ninguén podía sentirse enganado e a sorpresa só podía chegar pola excelencia da condimentación, na que non se aforrou en calidade nin en tempo investido nela", engadiu o que fose un dos coñecidos comensais do Restaurante Verruga.

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes