Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Presentado na Casa de Galicia en Madrid o poemario "Sacar a bailar", da autora coruñesa Rosalía Fernández Rial

Editado por Sial-Pigmalión en galego e castelán
Madrid, 12 de xaneiro de 2017.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación do poemario "Sacar a bailar", en edición bilingüe, galego e castelán, de Sial-Pigmalión, no que a autora coruñesa Rosalía Fernández Rial (Carballo, Muxía) reúne poesía creada entre 2009 e 2016.

Na presentación do libro interviñeron, ademais da autora, o actor e escritor Nancho Novo, o profesor, crítico literario e poeta Vicente Araguas, o editor Basilio Rodríguez Cañada e, en representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López, o coordinador de Actividades Culturais da entidade, Ramón Jiménez.

Jiménez observou que a obra conta con prólogo de Montse Pena Presa e cuberta de Xiana Lastra Pernas e explicou que Rosalía Fernández Rial "é, ademais de poeta, dramaturga, actriz performer, impulsora de diversos proxectos de alento musical, así como profesora e investigadora en didáctica das linguas; é dicir toda unha artista multidisciplinar".

Novo declarou que Fernández Rial "pertence a unha xeración que me produce admiración, e mesmo estupefacción, polo que sabe, polo que sente e polo que se compromete" e afirmou que a autora "consegue facer poética filosófica e filosofía poética". O actor finalizou a súa intervención coa lectura de dous poemas do libro "Sacar a bailar", cuxo título, dixo, lembráballe as verbenas dos pobos.

Rodríguez Cañada opinou que Rosalía Fernández Rial entende a poesía "como un todo que excede o escrito e esténdese cara a outros xéneros". Como Jiménez, lembrou que a autora non só é poeta senón tamén dramaturga, actriz, impulsora de varios proxectos musicais e profesora e investigadora en didáctica das linguas, para concluír que "todas estas facetas entrecrúzanse, creando unha poética híbrida, heteroxénea, singular".

Araguas cualificou de "considerables" tanto á obra como á autora. Valorou que o libro é "compendio (dicir exhaustivo sería dicir demasiado sobre unha poeta nacida en 1988) dunha obra poética en marcha, progreso e, aínda, progresión". "Rosalía Fernández Rial, logo de cinco libros de poemas (empéñase en chamarlles poemarios, alá ela) estupendos pode considerarse bastante máis que unha poeta emerxente. Eu chamaríalle poeta que avanza, que nada, polo mar proceloso da poética galega, tan transido por mulleres poetas espléndidas, con movementos vigorosos e harmónicos", expuxo, engadindo que a súa obra mostra a "unha autora que ama a música e o teatro e exerce de ´performer´ nun labirinto de espellos".

Segundo a propia autora, "´Sacar a bailar´ supón un tránsito da reflexión lírica á acción poética. Implica pensar cos músculos e materializar os paradigmas verbais: amar desde os pés, falar entre mans, converterse en convite. ´Sacar a bailar´ é ser a invitación mesma, en movemento, personificada".

Fernández Rial, pechou o acto cun breve recital, mostra da súa obra, e a proxección do vídeo promocional da mesma (https://www.youtube.com/watch?v=3jqC_WljY7w).

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes