DescargaMedios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

José Crespo afirma na Delegación da Xunta en Madrid que "Lalín ten a festa gastronómica máis importante de España, recoñecida como de Interese Turístico Internacional"

O alcalde presentou a LII Feira do Cocido de Lalín, que celebra o seu día grande o 16 de febreiro
Madrid, 6 de febreiro de 2020.

A LII Feira do Cocido de Lalín, recoñecida recentemente como primeira festa gastronómica de España que alcanza a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional e que celebra o seu día grande o 16 deste mes, presentouse esta tarde na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, nun acto presidido polo alcalde de Lalín, José Crespo, que tivo como anfitrión ao delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, e que contou coa presenza da pregoeira desta edición, a escritora e xornalista Sonsoles Ónega, e o presidente da ONCE e comendador do Cocido de Lalín Miguel Ángel Carballeda. Entre as personalidades que acudiron ao acto atopábanse a vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, os deputados Ana Belén Vázquez e Joaquín García Díez, o pintor Antón Lamazares e destacados membros da colectividade galega en Madrid como Julio Lage, José Manuel Pérez Vázquez, Andrés Ramos e Ovidio Cadenas.

Ónega congratulouse de que a Feira do Cocido de Lalín "se presente un ano máis na Casa como, lembrou, fixo en anteriores edicións, así como de que fose declarada Festa de Interese Turístico Internacional". "É a primeira feira gastronómica en España que recibiu esta distinción, que culmina un proceso de máis de medio século que a Xunta vén apoiando nos últimos anos", resaltou, engadindo que esta Feira "é a expresión máxima do afecto, da amizade e da convivencia". Tamén observou con satisfacción que a pregoeira desta nova edición da Feira, que celebrará na localidade pontevedresa o seu día grande o 16 de febreiro e estende a súa programación ata o mes de abril, é a súa sobriña, a xornalista e escritora Sonsoles Ónega.

O rexedor lalinense subliñou que "para min e para o Concello de Lalín é unha satisfacción volver a Madrid e a esta Casa de Galicia a presentar a Feira do Cocido". "Da última vez, fai cinco anos, ata hoxe, a Feira do Cocido deu un salto importante co traballo que fixemos no primeiros seis meses deste mandato para que a Feira fose recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional". "Un recoñecemento que se fará oficial nos próximos días e que significará o maior impulso á Feira en moitos anos", destacou.

Crespo defendeu que "Lalín é xa a festa gastronómica máis importante de España, como deixa claro o feito de ser a primeira e única festa gastronómica do noso país que ten o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional". "Con estas credenciais, a Feira é hoxe en día unha imaxe de marca de primeiro nivel para vender os produtos de primeira calidade de Lalín, unha perfecta ferramenta de márketing para converter a Lalín nun referente gastronómico nacional e un nome moi coñecido e de prestixio co que posicionar todo o referente a Lalín", remarcou.

"Hoxe en día, a Feira do Cocido é unha marca de calidade que queremos que sexa a que de soporte a un selo de calidade que poñeremos en marcha para todo o que se produce en Lalín e que sexa un sinal de prestixio para colocar os nosos produtos en toda España", sostivo.

Neste sentido, José Crespo resaltou que "para usar e potenciar esta ferramenta, este ano decidimos recuperar a Encomenda do Cocido, unha sociedade que se compromete a defender a Feira que conta con personalidades de todos os ámbitos sociais".

"Á Encomenda do Cocido, incorporamos este ano, entre outros, á premiada co Goya, Benedicta Sánchez, e ao alcalde de Madrid, Martínez-Almeida, que se unirán a outras figuras como o caso do galego Gregorio Varela, catedrático de Nutrición que é un dos maiores defensores da dieta atlántica á que cualifica de moi saudable, chegando a dicir que ´no ceo débese tomar caldo galego´ ou que ´o cocido galego case reúne todos os elementos da pirámide alimenticia´".

 

Novidades desta edición

Crespo explicou que este ano, ademais dunha trintena de actividades culturais, deportivas e sociais que se celebran de forma paralela á Feira, haberá algunhas novidades que van achegar moitos visitantes á Feira e a Lalín como o Motococido, a única proba puntuable de España para o Campionato Mundial de Enduro, a recuperación da Gala de Gastronomía, o programa "Lalín Sabe" e concertos como os programados de Antón Reixa e Vos Resentidos e o polifacético Miguel Costas, excantante de Sinistro Total e de Aerolíneas Federais.

O alcalde subliñou que "este ano contaremos cunha pregoeira de excepción: gran profesional, galega e unha das figuras máis destacadas dos medios de comunicación, Sonsoles Ónega".

Por último, Crespo convidou "a todos os presentes e a todos os madrileños a que coñezan o moito que ten que ofrecerlles o interior de Galicia. Coñecen as praias das Rías Baixas, pero o interior ten paisaxes, cultura, etnografía e unha gastronomía de primeiro nivel que están a esperar a que as descubran".

Caballeda lembrou o seu compromiso coa Feira do Cocido lalinense, á que a ONCE dedicou un cupón, e anunciou a súa intención de dedicarlle outro agora que ten carácter internacional. Tamén o compromiso adquirido co alcalde Crespo de celebrar en Madrid a partir do próximo ano un cocido para 1.100 persoas cuxa recadación se destinará a colectivos necesitados.

Pola súa banda, Sonsoles Ónega lembrou que o seu pai, Fernando Ónega, é fillo adoptivo de Lalín, polo que lle parecía, dixo, que estaba no seu destino ser pregoeira da Feira, un destino que cando chegou causoulle preocupación ao comprobar que "me precedeu o mellor cartel de pregoeiros do mundo". "É unha honra ser pregoeira da Feira do Cocido de Lalín", proclamou, engadindo que ama o cocido e os produtos lalinenses.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes