Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Feijóo pon en valor ao arquitecto Vázquez-Gulías: "Si tivésemos moitos como el hoxe Galicia sería ainda máis fermosa do que é"

Na clausura da exposición que durante tres semanas estivo dedicada á súa figura e obra na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia
Madrid, 28 de septembro de 2017.

A exposición finalizou cunha mesa redonda na que tamén participaron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, o catedrático de Historia da arte Jesús Ángel Sánchez García e a presidenta do Centro Cultural Daniel Vázquez-Gulías M., Lucila Vázquez-Gulías Vázquez.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, puxo hoxe en valor a figura do arquitecto ourensán Daniel Vázquez-Gulías declarando a súa admiración pola súa obra e afirmando que "se tivésemos moitos como el durante moito tempo hoxe sen dúbida as cidades galegas serían máis bonitas e serían mellores". "Se tivésemos moitos Vázquez-Gulías no Grove, en Ourense ou noutras cidades galegas, hoxe Galicia sería aínda máis fermosa do que é", apreciou.

Fíxoo nunha mensaxe gravada para o acto de clausura da exposición que durante as tres últimas semanas dedicouse a este insigne arquitecto galego na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia, na que o presidente de Galicia afirmaba "gustaríame estar aí pero lamentablemente non puido ser" e que "temos que manter o legado vivo de Vázquez-Gulías porque é un arquitecto do que sentimos orgullosos". "A arquitectura é a construción do presente e do futuro. Se temos bos proyectistas do presente e do futuro, temos un bo país", valorou.

A clausura da exposición "Arquitecto Daniel Vázquez Gulías Martínez", de divulgación en Madrid da figura e obra do destacado arquitecto e urbanista ourensán, realizouse cunha mesa redonda co mesmo título na que, ademais do presidente da Xunta coa citada intervención, participaron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela Jesús Ángel Sánchez García, que impartiu a conferencia "Percorrido polo eclecticismo amable na arquitectura de Daniel Vázquez Gulías";  a presidenta do Centro Cultural Daniel Vázquez Gulías M., Lucila Vázquez-Gulías Vázquez, neta do arquitecto; e, en representación do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, que conduciu o acto. Entre os numerosos asistentes, que enchían a sala, achábanse o ourensán maxistrado da Audiencia Nacional José Luis Castro de Antonio e a senadora por Ourense Carmen Leyte Coello.

Santalices afirmou que Vázquez Gulías foi exemplo de "capacidade de apertura ao mundo e ás diferentes correntes intelectuais, científicas e creativas do seu tempo", sinalando que despois de obter o título de Arquitectura en Madrid ampliou estudos en Viena e Berlín. O presidente do Parlamento galego considerou que "Vázquez Gulías foi para a arquitectura en Galicia o que os integrantes da Xeneración Nós significaron para a renovación da cultura galega a través da súa capacidade de apertura ás novas correntes que se fraguaban en Europa sen renunciar, por iso, a nosa propia identidade".

Do traballo de Vázquez Gulías destacou os balnearios que  proxectou, desde o de Carballiño ata o proxecto inicial do Gran Balneario da Toxa, nos que afirmou que "demostrou ser un visionario, un adiantado ao seu tempo". "Pola súa visión humanista da arquitectura, a obra de Vázquez Gulías está chamada a perdurar no tempo e na memoria de todos", mantivo e alentou o traballo que "o Centro Cultural Vázquez-Gulías está a acometer en beneficio da arquitectura e do coñecemento humanista do que todos somos debedores".

O catedrático Sánchez García afirmou que a súa traxectoria e realizacións "xustifican que sexa considerado un dos arquitectos máis destacados entre as xeracións formadas no eclecticismo de finais o século XX" e que os seus estudos e viaxes "permitíronlle coñecer a tendencias arquitectónicas en auxe nos anos do cambio de século, desde o eclecticismo ao modernismo", un coñecemento directo desde o que, dixo, puido "concretar o ton cosmopolita e elegante do seu primeiro gran proxecto: o Gran Hotel para a illa da Toxa".

Referiuse ao seu sinal na cidade de Ourense, na que exerceu de arquitecto municipal, con proxectos nos que xunto ao eclecticismo introduciu ornamentos do "Art Nouveau" en edificios particulares (vivendas, locais comerciais e hoteis), tipoloxías vinculadas aos últimos progresos tecnolóxicos como o Garaxe Hispano-Americano e a funcional organización de espazos que pode apreciarse no Asilo do Santo Anxo. "Con toda esta achega, os seus edificios deixaron unha pegada aínda hoxe moi presente na imaxe urbana de Ourense", afirmou, mantendo que a súa é "unha arquitectura para reivindicar fronte á  lamentable destrución dalgúns das súas edificos máis valiosos". "Trátase dun legado arquitectónico que contribuíu a configurar a imaxe máis distintiva da cidade de Ourense", valorou.

Pola súa banda, a presidenta do Centro Cultural Daniel Vázquez Gulías M., Lucila Vázquez-Gulías Vázquez, agradeceu a intervencións e explicou que o Centro xurdiu a finais de 2015  "como consecuencia do entusiasmo e admiración dos que hoxe conforman a Xunta directiva, todos profesionais relacionados coa arquitectura" e que ten como obxectivo a posta en valor do legado do introductor do modernismo en Ourense, do que, entre outras cousas, descubriron dous proxectos seus na Coruña que eran descoñecidos. "Cremos que o gran atractivo de Gulías é o que quea por descubrir", reiterou, resaltando "a necesidade de establecer lazos de colaboración coas universidades e escolas  de Arquitectura e administracións", para "descubrir a este arquitecto e defender a súa obra e legado", do  que apuntou que quedan por investigar cuestións como a súa vinculación co tamén arquitecto Antonio Palacios e a súa participación no Centro Galego da Habana.

O acto finalizou coa proxección dun vídeo sobre a obra de Vázquez-Gulías en Ourense e cun percorrido pola exposición.

 

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes