DescargaMedios

Subscricións

Subscribete ás actualizacións da nosa axenda para estar sempre informado dos eventos  que acontecen na nosa casa. A subscrición está dispoñible en calquera dos seguintes formatos:

Galicia ofrece este outono tres rutas en tren que combinan o turismo urbano co rural e co termalismo

A directora de Turismo de Galicia presentou esta mañá na Casa de Galicia en Madrid os itinerarios "Lugo Romano', "Ourense termal e de compras' e "Descubrindo A Coruña', que teñen programadas seis saídas a partir do 30 de setembro
Madrid, 14 de setembro de 2017

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe na Casa de Galicia en Madrid o programa Trens Turísticos de Galicia, unha das iniciativas máis exitosas do verán e que estreará novas rutas no outono. Despois de alcanzar unha ocupación superior ao 87%, desde o 30 de setembro ten programados tres itinerarios coas cidades da Coruña, Ourense e Lugo como protagonistas.

Nava Castro estivo acompañada neste acto polo delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega; o xerente da área Comercial e Servizo de Atención ao Cliente de Renfe, Javier Díaz Trisac, e o presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), Rosendo Fernández, a quen agradeceu a súa implicación neste proxecto en común.

Os tres itinerarios Descubrindo A Coruña, Ourense termal e de compras e Lugo Romano permitirán aos viaxeiros gozar dos variados recursos das tres capitais, que ofrecen propostas de turismo urbano e de compras, turismo cultural e termalismo. Os billetes para embarcarse neles poden adquirirse a través da web de Renfe  e nas estacións, con prezos de 40 euros para adultos, 20 para nenos e descontos para grupos. Os interesados por esta combinación atoparán información ao detalle na páxina turismo.gal

Patrimonio e relax

En total, serán seis viaxes que completan a oferta de preto de 60 saídas que comezaron en xuño e que gozaron xa preto de 2.000 persoas. O tren Lugo Romano sairá desde A Coruña (con achegamentos gratuítos desde Santiago de Compostela) o 30 de setembro e o 28 de outubro, e inclúe visitas á Casa dos Mosaicos e ao Centro de Interpretación da Muralla, que é Patrimonio Mundial, ademais dunha estancia no Balneario de Lugo.

Ourense termal e de compras ten saídas os días 7 e 21 de outubro desde Santiago de Compostela (con achegamentos desde A Coruña e Vigo) e ofrece a posibilidade de realizar unha visita guiada polo centro histórico e a Catedral. Despois dun tempo de paseo e de compras polo comercio de proximidade e calidade, os participantes trasladaranse ás termas de Outariz para así gozar das propiedades da primeira potencial termal de España.

Pola súa banda, Descubrindo A Coruña partirá o 30 de setembro e o 14 de outubro desde Santiago de Compostela (con achegamentos desde Vigo e Ourense) e inclúe un percorrido polo paseo marítimo, deténdose na Torre de Hércules, tamén Patrimonio Mundial. Despois dunha visita á cidade vella, coa praza de María Pita, e ao parque monte de San Pedro, a viaxe finalizará en Termaria-Casa da auga, antes de emprender o regreso.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes