Máis de medio centenar de persoas acudiron á Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia á presentación da torta Amoris Peregrinus deseñada pola artista María Carretero

A elaboración do doce é da Panadería Pastelería Ousá de Lugo
Madrid, 27 de xuño de 2017

As escaleiras de entrada á Casa de Galicia, sede da Delegación da Xunta en Madrid estaban decoradas con pequenos pero espigados castiñeiros, fentos e outras plantas para recibir aos invitados á presentación da torta Amoris Peregrinus, unha creación da artista internacional María Carretero elaborada pola pastelería lucense Ousá, en colaboración con Domingo de Famara.

No acto, ao que asistiron máis de medio centenar de persoas, interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da casa, José Ramón Ónega; o empresario e produtor de Ousá, Antonio Celeiro; o presidente da Asociación Madrileña de Catadores, Javier Gila; a xornalista delegada en Madrid de Castela-Máncha Televisión, Pepa Carretero; e a artista internacional, María Carretero.

Ónega, tras as palabras de benvida sinalou que o pan de Ousá, no verán, é un referente na súa casa, "ata tal punto que algúns amigos que saben dos meus gustos cando veñen visitarme, tráenmo de agasallo". E citando a Cicerón sinalou que "o pracer dos banquetes debe medirse non pola abundancia dos manxares, senón pola reunión dos amigos e a conversación".

Para Pepa Carretero, que pasou a nenez nun pequeno pobo do Caurel, "a gastronomía vai unida á infancia e aos sabores auténticos, do pan recén cocido -que duraba máis dunha semana-, o cheiro dos tomates da horta ou as filloas da avoa". Javier Gila destacou que "esta torta harmoniza con todo", -pois foxe da palabra maridaxe, porque a asocia tamén a divorcio-.

Pola súa banda, Antonio Celeiro lembrou que a idea xurdiu precisamente nesta Casa o pasado ano, na celebración do 20 Aniversario da Rúa do Peregrino (1993-1996) na Vila de Sarria,  Lugo, km 111 do Camiño de Santiago Francés. "Panaderia e Pastelería Ousá puxéronse desde o comezo, a desenvolver unha torta diferente, en textura e sabor, coas mellores e máis selectas materias primas. O resultado é o que van probar agora", e antes de rematar o acto, dous camareiros serviron aos asistentes a torta, "cuxos ingredientes principais son as améndoas e o leite que lle achegan unha marabillosa textura  suave e esponxosa".

Tras a breve pero intensa degustación tomou a palabra María Carretero quen explicou que non só traballou nunha fervenza de bosquexos orixinais preparatorios, senón que ao mesmo tempo fíxoo para dar á nova torta, unha identidade, un nome con personalidade. "Así xurdiu Amoris Peregrinus, como unha verdadeira Obra Mestra entre o padal e a obra artística orixinal". A caixa, tamén deseñada por ela co símbolo da obra do Peregrino, "desexa  chegar, non só aos Peregrinos do Camiño de Santiago, senón a todos os Peregrinos da Terra, polo que está escrita en 15 idiomas". No seu interior leva un tríptico en tres idiomas, -galego, español e inglés-, no que "ademais de informar sobre os creadores, inclúe unha Mensaxe de Arte, Paz e Encontro, para unha mellor convivencia con Amor, a todos os Peregrinos e Camiños da Terra". Carretero dá moita importancia ás cores, ao verde, vermello morado, amarelo, cada un co seu significado,  e traballou con eles coma se fosen parte dunha composición musical.

"É un novo concepto de Gastronomía, unha alianza cultural, entre a arte e a excelencia de Pastelería OUSÁ, que son mestres artesáns desde 1989, e queren levar, desde Galicia-España, aos máis exquisitos padais de todo o mundo, a mensaxe de Arte, Paz e Encontro para este e outros produtos, que poden, sen dúbida, vir co tempo, para deleite de todos os peregrinos, e os máis esixentes gastrónomos. Comparto plenamente con OUSÁ, a idea de avanzar neste e noutros novos proxectos", dixo a artista.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes