A Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación do libro "Epigramas 2016" do economista e poeta coruñés Ramiro Facal

No acto interviñeron os xornalistas Carlos G. Reigosa e Manuel Molares do Val, así como o editor Antonio J. Huerga
Madrid, 19 de setembro de 2017

Un ano máis, porque este é o segundo, o economista e poeta Ramiro Facal presentou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia o seu libro "Epigramas 2016" no que o autor de Malpica ofrece a súa particular visión crítica e aceda tomando como base os titulares das noticias que foron portada nos principais xornais nacionais. No acto interviñeron ademais de Facal: o coordinador de Actividades Culturais Ramón Jiménez, -quen o fixo en nome do delegado da Xunta e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega-; os xornalistas Carlos G. Reigosa e Manuel Molares do Val; así como o editor da obra, Antonio J. Huerga.

Para Jiménez, Ramiro Facal, "tiña adormecida a súa vocación, ou sexa en lista de espera", ata o momento da xubilación. "Cumprido o prazo, Ramiro Facal irrompeu na palestra literaria coa forza do epigrama, no que se especializou, un xénero helenístico breve, satírico e enxeñoso -é dicir, difícil- que afunde as súas raíces na lírica arcaica, e que entre os temas que trata inclúe os intereses e preocupacións da época". Os epigramas de Ramiro Facal, teñen "o seu selo inconfundible, o seu toque persoal, como fixeron outros grandes autores entre eles Jonathan Swift e Oliverio Girondo".

Para Carlos Reigosa, "o que hai neste libro é fácil de contar e  de describir, pero moi difícil de facer. Porque a aparente sinxeleza dun epigrama, cando un o lee, oculta a enorme esixencia que entraña a elección do seu contido e a súa composición poética". Segundo o xornalista da Pastoriza, "custa moito atinar coa palabra, coa rima, co verso e, ao cabo, coa idea, que ha de ser sempre suxestiva e clara, pero tamén vigorosa e contundente, pois só así logrará captar a atención". Explicou que estes epigramas nacen da realidade de cada día porque cada mañá "este insigne madrugador enfróntase ás portadas dos catro periódicos de Madrid (El País, El Mundo, ABC e La Razón) e elixe un titular, é dicir, unha noticia, que será a materia subxacente do epigrama do día. A partir de aí, verso a verso, unhas veces con máis facilidade e outras con maior esforzo, vai compoñendo unhas rimas poéticas cargadas de intención e de talento". Tamén detallou que a diferenza dos haikus xaponeses e das sentenzas confucionistas e taoístas, que "mitigan a crítica", os epigramas de Ramiro Facal son "satíricos,  ás veces escépticos e case sempre ben humorados".

Pola súa banda, o tamén  xornalista Manuel Molares contou que descubriu os epigramas grazas a "o meu epigramático amigo Ramiro Facal", razón pola que se atreve a falar deles e chamarlle así. "Ante todo debo dicir que me encanta chamarlle epigramático porque epigramático, ademais dun antiquísimo estilo literario, sinala ao autor de epigramas", e engadiu que con el descubriu "unha filosofía aparentemente lixeira como o vento pero de cheiro como de gustosa comida picante cuxos ingredientes non sabía definir". E evocou o recordo de Iriarte, "coetáneo de Carlos III, que morreu só tres anos despois". Expuxo que Iriarte tomara do "epigramático Marcial, aquel hispano tarraconense que viviu a Roma máis vital do século I, a idea de que o epigrama "debe ser como unha abella, que é pequena e produce a dozura do mel e deixa o escozor do aguillón".  "Á abella semellante/ para que cause pracer/ o epigrama ha de ser/ pequeno, doce e punzante", di Iriarte.

Para o editor, Antonio J. Huerga destacou o gran esforzo que require realizar "crónicas en verso". É por iso que publicou "Epigramas 2015", e repite a aposta tamén este ano editando "Epigramas 2016". "É a forma de demostrar a nosa valoración", e lembrou ademais que o súa editorial, xa de longa traxectoria en España, -sen esquecer aos consagrados-, sempre apostou polos autores emerxentes, entre os que estaban precisamente Carlos G. Reigosa, Darío Facal e tamén José Ramón Ónega, nos seus primeiros contactos coa literatura.

O autor, Ramiro Facal Cancela relatou que a súa afección á poesía naceu  durante os anos de internado no Colexio Salesiano da Coruña e continuou durante a época universitaria, aínda que a deixou de lado na etapa laboral, para retomala ao chegar á xubilación. Entón propúxose facer un epigrama todos os días do ano, "sen respectar nin as vacacións, non vaia a ser que me guste o descanso e dedique máis tempo a iso", dixo con humor. "A prensa pon a noticia e eu poño a crítica". Desde entón mantén o mesmo método polo que o 2017 está case rematado.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes