IFEMA e Eventos del Motor presentan na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia "Retromóvil Madrid, Salón Internacional do Vehículo de Época"

Terá lugar o próximo fin de semana no recinto feiral madrileño
Madrid, 13 de decembro de 2017.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia acolleu esta mañá a presentación de "Retromóvil Madrid, Salón Internacional do Vehículo de Época", cuxa décimo quinta edición terá lugar o próximo fin de semana, do 15 ao 17 de decembro de 2017, no recinto feiral de IFEMA, tras o acordo alcanzado entre esta organización e Eventos do Motor, S. L., empresa viguesa de organización de salóns relacionados co mundo do motor clásico e de época. No acto interviñeron o director xeral de IFEMA, Eduardo López-Puertas Bitaubé, o director xeral de Eventos do Motor, S. L., José Enrique Elvira, e a coordinadora de Actividades Económicas da Casa, Ana Rodríguez, que o fixo en representación do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López.

Rodríguez deu a benvida aos asistentes ao acto e lembrou que Eventos do Motor naceu en 1992 e nos seus vinte e cinco anos de percorrido diversificou o seu campo de acción e "converteuse na principal empresa española en organización de salóns relacionados co mundo do motor clásico e de época", valorando que da súa sinerxia con IFEMA "non cabe esperar máis que o maior dos éxitos".

López-Puertas expresou a súa satisfacción pola volta a IFEMA do Salón Internacional de Vehículo de Época tras oito anos desde a última cita no seu recinto. Unha volta que "representa un salto cualitativo para unha convocatoria que polas súas características require dun espazo que reúna as mellores condicións para a súa posta en escena e para outorgar o relevo que precisan os que son os seus protagonistas e auténticas xoias, os coches e motos clásicos. Un espazo único tamén para albergar no seu exterior outras iniciativas que requiren da mobilización de vehículos para acoller concentracións de vehículos vintage que se darán cita en Retromóvil", ao que sumou as facilidades de acceso e transporte "e un aparcadoiro, con dispoñibilidade de 14 mil prazas".

O responsable de IFEMA sinalou así mesmo que "Retromóvil coincidirá no tempo coa Exposición de Harry Potter e co Circo Máxico -dous eventos especiais que xunto a Juvenalia, superaron unha proba de lume a pasada Ponte da Constitución-, así como con outras dúas convocatorias de organización propia como son Almoneda Nadal e Gamergy, confirmando a capacidade de IFEMA de xestionar sen o menor problema a asistencia masiva de público".

Elvira explicou que "desde hai tempo o sector viña reclamando a celebración desta feira en IFEMA, como o lugar apropiado para o desenvolvemento dun certame internacional á altura das necesidades que ten un mercado como o español" e que para a súa celebración elixíronse datas próximas ás festas do Nadal porque o consumismo que se vive nesta época do ano "cremos que pode ser beneficioso para o resultado comercial dos expositores participantes".

O certame terá lugar no Pavillón 12 de Feira de Madrid e ocupará unha superficie próxima aos 16.000 m² cubertos, para os preto de 200 expositores que reúne a edición, ao que se sumarán os 15.000 m2 de aparcadoiro para clásicos, con capacidade para 800 unidades, e unha zona exterior de 2.500 m² de aparcadoiro gratuíto para as concentracións de coches e motos vintage e unha capacidade de 124 coches.

Como é habitual neste tipo de certames, a feira contará con casetas de venda de automóbiles e motocicletas, restauradores, recambios, pezas, miniaturas, libros, roupa de época, ferramentas, etc. Ademais, Elvira sinalou que se renderán homenaxes a modelos emblemáticos da historia das dúas e as catro rodas con motivo dos seus diferentes aniversarios: haberá casetas especiais para efemérides de Ferrari, Porsche 356, Seat 124, Seat 600, Volvo e Alpine A 110, así como para unha homenaxe ao carrocero español Pedro Serra e para as estrelas do salón, que son un Hispano-Suíza Alfonso XIII de competición e un Bugatti Brescia de principios do século pasado.

Eventos do Motor organiza desde hai 15 anos a feira de vehículo clásico AutoClássico Porto, e as feiras retro de Bilbao, Valencia, Málaga, Vigo e Reus, así como o salón anual monográfico dedicado ao mundo da moto vintage, RetroMoto Barcelona.

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes