Os viños de Valdeorras, da anada de 2016, conquistan Madrid na Casa de Galicia

Presentáronse 53 referencias de brancos e tintos da D.O., pertencentes a 21 adegas
Madrid, 24 de abril de 2017.

Un total de 53 referencias de brancos e tintos de Valdeorras, pertencentes a 21 adegas, a metade das que conforman a Denominación de Orixe (D.O.), puideron degustarse esta tarde na Delegación da Xunta/Casa de Galicia en Madrid no acto de presentación da anada 2016 da comarca, no que participaron representantes dos ámbitos institucional, político, empresarial e social da capital de España, así como diversos distribuidores e restauradores de prestixio.

Interviñeron na presentación o actor Javier Veiga, que conduciu o acto, o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Francisco García Álvarez, o subdirector xeral de Calidade Diferenciada e Agricultura Ecolóxica do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), Javier Maté Caballero, a directora Xeral de Gandería e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, Belén do Campo, o prestixioso enólogo José Hidalgo, que dirixiu unha cata comentada, e o delegado da Xunta de Galicia, José Ramón Ónega López, anfitrión do acto. Entre os numerosos asistentes á presentación atopábanse os parlamentarios por Ourense Avelino García Ferradal, senador, e Miguel Ángel Viso Diéguez, deputado.

Ónega, tras dar a benvida aos participantes e asistentes ao acto, valorou que "o viño é cultura, civilización e amizade. O viño forxa, en efecto, a amizade cando se escancia con prudencia". Tamén tivo palabras de eloxio para a zona de Valdeorras, "un paraíso onde o Sil da de beber á paisaxe e aos viñedos, onde os xistos e loureiras achegan fortaleza, por ser o teito de Galicia". "Valdeorras é paraíso desde a Prehistoria e aquí chegaron os pobos antigos e quedaron nesta fermosura de paisaxe. Andan as terras de León e Zamora preto e Valdeorras é a esencia de paisaxes e viñedos", engadiu.

García Álvarez, animou aos presentes a degustar os viños da comarca e a coñecer os "valores diferenciais e singulares" que os definen, destacando a súa calidade e mostrándose seguro de que, tras a degustación, os asistentes ao acto actuarán "como prescriptores e embaixadores" dos viños valdeorreses.

O presidente do Consello Regulador referiuse ao arraigamento e á tradición vinícola de Valdeorras afirmando que "case todos os habitantes da comarca están ligados, dun modo ou outro, á elaboración de viño", o que orixinou que na zona foise conformando "un saber facer único" neste ámbito. Precisamente, "este saber facer", dixo, permitiu á D.O. de Valdeorras situar os seus viños en mercados tan esixentes como os de Estados Unidos, Reino Unido, Holanda, Bélxica ou Xapón.

Do Campo, resaltou o "bo traballo" que están a efectuar as adegas que conforman a D.O. Valdeorras e definiu o sector vitivinícola galego como "estratéxico". "Pódovos asegurar que, como responsable da produción agropecuaria de Galicia, é unha enorme satisfacción comprobar cada día o vigor do sector vitivinícola de nosa comunidade", declarou, resaltando que "o viño comercializado baixo algunha das cinco denominacións de orixe galegas na campaña 2015-2016 roldou os corenta millóns de litros, dos que máis do 10% saíron desta Denominación de Orixe Valdeorras, cun valor económico de máis de 24,5 millóns de euros".

Maté encomiou o traballo da D.O. Valdeorras á hora de apostar por diferentes variedades de uva no seu territorio amparado. Ofreceu datos sobre a importante produción de viño en España, a extensión de terreo cultivada, os seus traballadores e adegas e afirmou que "cada vez enténdese máis o viño e abrimos máis países á súa exportación" e que "dos de Galicia, Valdeorras ocupa un lugar preminente".

Cata comentada

Hidalgo fixo unha presentación xenérica dos viños, facendo fincapé nas características e singularidades da D. O. Valdeorras e as súas variedades de uvas, en especial a godello e tamén a mencía. Resaltou que a colleita valdeorresa de 2016 "é curta pero de excelente calidade" e opinou que "Valdeorras ten un panorama interesante por diante" Tras iso, realizou unha cata comentada de viños xenéricos.

Antes de finalizar o acto de presentación e dar paso á cata se visionó un vídeo informativo da zona e os seus viños.

A de Valdeorras é unha das catro denominacións de orixe vinícolas da provincia de Ourense. Está conformada por 43 adegas dos municipios da Rúa, Larouco, O Barco, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín. Os viños desta D.O. ocupan un total de 1.171 hectáreas de territorio nas que traballan 1.460 viticultores. En 2016, a produción da colleita en Valdeorras superou os 4,6 millóns de quilos de uva.

 

 

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes