A Xunta de Galicia en Madrid acolle unha xornada de traballo organizada pola USC e na que participan investigadores de varias universidades europeas en torno ao proxecto H2020

Entre os obxectivos que perseguen está o lograr cidades "máis amigables" desde o punto de vista ambiental e social
Madrid, 20 de xuño de 2018

A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolleu hoxe unha intensa xornada de traballo na que participaron investigadores de universidades de diferentes países, convocados pola USC, que coordina a elaboración dunha proposta de proxecto europeo no programa H2020 entre cuxos obxectivos está o lograr unhas cidades "máis amigables" desde o punto de vista ambiental e social.

O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia , José Ramón Ónega, recibiu ao vicerreitor da USC, Gumersindo Feijoo e transmitiulle o apoio da Xunta para este tipo de iniciativas. "A Casa está á vosa disposición e sempre aberta para que avancedes no voso traballo". Feijoo foi traducindo a mensaxe aos investigadores estranxeiros, que se mostraron moi agradecidos polo cálido recibimento dispensado. "Tomamos a palabra e así o seguiremos facendo", dixo o vicerreitor. "Como galego síntome moi orgulloso de poder coordinar este grupo de traballo e de que podamos facelo aquí, con todas estas vantaxes que agradecemos moito xa que nos facilitan en gran medida os encontros. Agora empezamos a segunda fase e queda moito esforzo por diante".

O proxecto H2020: "Systematic enhancement of circular economy Models in urban and perI-urban areas of smaLL an mEdium size cities (SMILLE)" persigue entre os seus obxectivos "A aplicación dos principios da economía circular a cidades pequenas e medianas. Este feito permitiría vivir en cidades máis amigables desde un punto de vista ambiental e social", tal e como explicou Feijoo: "As cidades do futuro teñen como reto o evolucionar dunha economía lineal ao novo paradigma da economía circular, isto é, o sistema multi R: repensar, redeseñar, reparar, reducir, reciclar, reutilizar, redistribuír, refabricar e recuperar".

A proposta, que xa foi avaliada positivamente na primeira fase (só foron consideradas 12 das inicialmente presentadas) empeza agora a segunda fase, durante a cal deben elaborar unha proposta máis especifica antes do 4 de setembro. É por iso, que se realizou esta xornada de traballo na Casa de Galicia de Madrid para facilitar a presenza de todos os integrantes do proxecto no que participan universidades e centros de investigación, empresas e cidades: USC (España), Energy Agency of Plovdiv (Bulgaria), Universita Degli Studi dei Firenze (Italia), The Agricultural Institute of Slovenia (Eslovenia), Universidade de Copenague (Dinamarca), Universidade de Littoral (Francia), Fundación Universidade Balmes (España), EUROMED (Francia), Revertia (España), Snaga Javno Podjetje (Eslovenia), Circula Change Plattform (Eslovenia), C2C ExpoLAB (Holanda). As cidades son: Santiago de Compostela, Burgas (Bulgaria), Prato (Italia), Ljubljana (Eslovenia), Vejle (Dinamarca), Veno (Holanda).

As áreas de coñecemento da USC involucradas son: Enxeñería Química, Economía Aplicada e Física Aplicada;  e os Centros onde están esas áreas son: Escola Técnica Superior de Enxeñería, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e Facultade de Física, polo que falamos dun equipo multidisciplinar, que o forman investigadores separados por miles de quilómetros. "Cando nos reunimos, fisicamente, Madrid é a cidade na que nos podemos atopar unha gran parte, e así nos gustaría que puidésemos seguir facéndoo, na Casa de Galicia".

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes