A delegada do Gobierno de Canarias visita a Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia

O acto enmárcase dentro dos habituais encontros que se realizan para estreitar relacións e intercambio de propostas e experiencias
Madrid, 29 de xaneiro de 2020

María Dolores Padrón Rodríguez, delegada do Gobierno de Canarias en Madrid visitou esta mañá a Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia onde foi recibida polo seu homólogo, José Ramón Ónega López quen lle mostrou as diferentes dependencias e faloulle das funcións da institución galega cuxo edificio foi inaugurado en 1992 sendo presidente da Xunta D. Manuel Fraga.

Ademais das salas, dependencias e servizos do inmoble Ónega presentoulle a Padrón parte do persoal da Casa, entre o que se atopaba o Coordinador de Actividades, Ramón Jiménez Pérez, quen lle explicou algunhas das particularidades do seu labor dentro do ámbito cultural como as exposicións de arte, presentacións de libros, conferencias...

Padrón foi convidada a asinar no libro de Honra da Casa, en cuxa dedicatoria destacou o afecto co que foi recibida así como as "amables e xenerosas explicacións" de todo o persoal.

María Dolores Padrón ou mellor Lola Padrón -como é coñecida e prefire que a chamen-, foi nomeada como delegada do Gobierno de Canarias no mes de novembro polo que leva poucos meses desempeñando esta responsabilidade. "Oíra falar de vostedes e asegúrolles que para nós van ser un referente, tanto pola xa longa experiencia que teñen por como o fan, todo un exemplo", dixo tras a visita. "Vostedes van ser o noso modelo, dentro de nosas evidentes diferenzas, claro. Pero voume encantada e seguro que lles pedirei asesoramento", dixo. Neste sentido, a resposta de Ónega foi inmediata, "aquí tes a túa casa e no que podamos, estamos á túa enteira disposición", díxolle con sinceridade.

A visita enmárcase dentro dos habituais encontros que os responsables de delegacións realizan con certa periodicidade co obxectivo de estreitar relacións e intercambiar posibles propostas e experiencias.

A nova delegada do Gobierno de Canarias en Madrid, Lola Padrón, é Licenciada en Psicopedagoxía pola Universidade de A Laguna (ULL), foi deputada por Tenerife, deputada rexional e tamén a primeira alcaldesa na historia do val da Orotava.

 

Departamento: Prensa

Compárteo:

Facebook Twitter

Imaxes